Lugo, 8 de xullo de 2022. O grupo provincial do PP procede a executar o relevo previsto nas súas filas en función do pacto alcanzado no seo do partido ao principio do mandato. O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, anuncia que “no día de onte, o deputado provincial polo Partido Popular Agustín Baamonde presentou a súa renuncia no pazo de San Marcos”. Sinala: “A verdade é que os seus compañeiros, os membros do grupo provincial do PP non temos máis que palabras de afago e de agradecemento, por compartir este tres anos. Agradecemento pola súa actitude, polo seu carácter, polo seu respecto aos compañeiros e aos rivais políticos, pola súa excelente capacidade oratoria e pola forma de plasmar a súa experiencia tanto no eido local como no eido autonómico”.
O portavoz popular di: “Agustín Baamonde é un verdadeiro exemplo de honestidade, de educación, de preparación. O grupo provincial do PP estará sempre agradecido. Formar parte da portavocía do PP, que sempre é unha gran responsabilidade, e facelo ao lado de Agustín Baamonde, coa súa experiencia e capacidade, facilitoume moitísimo o meu traballo”.
Os populares desexan a Baamonde “moita felicidade e que disfrute desta nova etapa”. Castiñeira informa de que “a Agustín Baamonde substituirao o tamén chairego e ex alcalde de Guitiriz, José María Teixido”. O portavoz popular explica que, “dentro da normalidade, o relevo é froito dun pacto inicial da lexislatura, compromiso ao que se dá cumprimento neste mes; o pleno de xullo será o último no que estará Agustín Baamonde e aproveitaremos para despedirnos e plasmar o noso agradecemento”.