Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte faise eco das queixas de traballadores do Hospital pola instalación no Camiño dos Codesos dun gardarraíl que corta varios accesos ao complexo

Monforte, 8 de xullo de 2022. Gobernar é tomar decisións, pero as decisións teñen que estar debidamente meditadas e responder a unha análise rigorosa das súas vantaxes e inconvenientes. No caso do alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, está claro que moitas decisións están escasamente pensadas e, se o están, non teñen por obxectivo principal mellorar a calidade de vida dos cidadáns. Así o sinala a portavoz popular, Katy Varela, que dá a coñecer “a lamentable actuación do Concello de Monforte cercando as instalacións do recinto do Hospital na súa parte traseira”, tal como trasladaron ao PP “empregados do hospital Comarcal de Monforte de Lemos”.

Varela explica: “Recentemente, o Concello procedeu ao asfaltado do Camiño dos Codesos, pola parte de atrás do Hospital Comarcal, lugar por onde os camións descargan subministracións importantes para este complexo sanitario”.

A portavoz popular indica que “existen desde este camiño outros accesos menores pero igual de importantes para o persoal do Hospital; pois ben, o concello gobernado por Tomé, sexa polo seu afán de constante enfrontamento coa Xunta de Galicia sexa polo seu carácter chafalleiro na execución das obras, procedeu á instalación dun gardarraíl soamente polo lado da estrada que rodea ao hospital, cercándoo e cortándolle calquera acceso”. Os traballadores expresaron a súa protesta xusto no momento da instalación da varanda. Os populares din que, antes de realizar unha obra así, que pode afectar o funcionamento diario dun servizo tan fundamental como o do hospital, “o Concello debería falar coas autoridades administrativas correspondentes para advertir desta situación para non cortar aqueles accesos máis necesarios”. O gardarraíl foi instalado sen consulta nin estudo previo, o que provocou gran malestar entre os empregados do hospital. No PP avisan de que estarán pendentes de como se suceden os acontecementos por se fose necesario trasladar ao pleno da corporación algunha iniciativa neste sentido.