Burela, 8 de xullo de 2022. O Grupo Municipal Popular de Burela denuncia “a absoluta pasividade do goberno do señor Llano” no que se refire ao mantemento das instalacións da escola infantil dos Castros, unha tarefa de “competencia exclusivamente municipal”, inciden.
Os populares alertan de que “o seu pechamento está enferruxado e roto nalgún dos seus tramos” polo que o seu estado “non só é lamentable, senón incluso tamén perigoso”. Deste xeito, fanse eco dunha denuncia veciñal que “xa é reiterativa tanto por parte dos veciños e usuarios da escola infantil coma do Grupo Municipal Popular”.
O voceiro popular, Manuel Rouco, lembra que “estamos a falar dunha obra executada no último mandato do Partido Popular en Burela que apenas chega aos oito anos de vida e que coincide practicamente cos anos que leva seguidos o señor Llano á fronte do Concello”. Nese sentido, lamenta a falta de actuacións do goberno socialista para evitar que “neste período de tempo se fora deteriorando o perímetro da escola infantil como o fixo ano a ano”.
“Ao estado lamentable do pechamento da escola infantil; hai que sumar as herbas que medran na beirarrúa pasa pegada ao pechamento e a falta de limpeza da finca interior da escola infantil onde é habitual que a natureza campe ás súas anchas sen que dende o Concello se tome ningunha medida”, lamenta o popular.
Rouco pregúntase “para que tanto movemento millonario de remanente municipal para deixar tremendo as arcas municipais cando non son capaces de manter o que é de competencia municipal”. E incide en preguntar se “a isto se lle pode chamar xestión municipal”.