Monforte de Lemos, 7 de xullo de 2022. O alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, deixou pasar outra oportunidade máis para que os sectores económicos do municipio puidesen expoñer directamente as súas preocupacións a un membro do Goberno de España. A recente visita do ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, á cidade do Cabe quedou reducida a un exercizo de propaganda a maior gloria de Tomé e totalmente inútil para os veciños deste concello, segundo sinala a portavoz popular, Katy Varela. “Foi unha mostra máis de como entende Tomé a política: como escaparate para si mesmo moito máis que como xestión dos asuntos públicos para mellorar as condicións de vida dos residentes en Monforte”, sinala a voceira popular.
Varela di: “Parece que Tomé tiña necesidade de asegurar o seu débil liderado no PSOE da provincia cun xesto como o da visita do ministro Planas. Pois non sei se, nesa clave, a visita terá para el bo resultado. O que temos moi claro no PP é que a efectos da cidade, foi unha oportunidade perdida, porque o ministro non tivo a oportunidade de escoitar aos sectores produtivos que caen no ámbito das súas competencias, e que teñen moito que dicirlle ao Goberno”.
Os populares sinalan que “a visita do ministro Planas a Monforte foi tan breve, e tan limitada á Casa Consistorial, que é probable que non lembre moi ben que sitio é ese no que estivo uns poucos minutos, para firmar no libro de honra e darlle a Tomé a satisfacción da foto ao seu lado”. Katy Varela declara: “Unha vez máis, o socialista José Tomé demostra que o seu é a política da foto, cando non a gastropolítica entendida como primeiro el, despois os seus e, finalmente, algunha faragulla para os outros”. Conclúe: “É unha pena que Tomé, preocupado exclusivamente polo seu interese político, fora incapaz de aproveitar a visita do ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, para que coñecese de primeira man os problemas deste municipio e, desa maneira, puidera entender mellor que precisan solucións urxentes”.