Partido Popular de Lugo

O PP de Lugo insta ao Goberno a repoñer os servizos ferroviarios que suprimiu pola pandemia e a cumprir o compromiso de que os trens Avril estean operativos neste mes de xullo

Lugo, 7 de xullo de 2022. O Goberno presidido polo socialista Pedro Sánchez parece empeñado en illar á provincia de Lugo nun ano tan importante como é este Xacobeo. Os senadores populares por Lugo, José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Lorenzo Varela, presentan unha batería de preguntas ao Goberno á vista dos novos incumprimentos en canto ao ferrocarril. Destacan que, por un lado, “o novo mapa de autobuses elaborado polo Ministerio de Transporte supoñerá eliminar decenas de paradas de buses estatais” e, que, por outro, podería darse “un novo recorte nos trens rexionais galegos, illando máis aínda, se cabe, á poboación rural, particularmente a da provincia de Lugo”. Unha situación “especialmente grave nun ano como o Xacobeo, no que non é de recibo que se estean producindo estes recortes no transporte público, tanto ferroviario como por estrada, que no canto de fomentar o turismo na provincia de Lugo parecen querer contribuír a diminuílo”.

Os populares lembran que, en resposta a unha pregunta súa, o Goberno comprometeuse a recuperar a totalidade dos servizos ferroviarios suprimidos na provincia de Lugo a causa da pandemia; pero, na resposta ao PP emitida o pasado 3 de xuño, di que “a vontade de Renfe é completar a reposición dos servizos que aínda non están a operar respecto á situación anterior á pandemia nos próximos meses”; é dicir, non garante nin que o faga nin cando.

Os senadores populares tamén preguntaron semanas atrás pola eliminación do tren hotel nocturno entre Galicia e Barcelona; non houbo resposta. Explican: “Tampouco responde o Goberno a por que non se facilita unha conexión directa entre a provincia de Lugo e o País Vasco, como había antes, e entre Lugo e Santiago de Compostela”.

Por outro lado, os populares destacan que “nas últimas semanas vimos como a compañía pública Renfe aprobaba a licitación do servizo de atención remota para as estacións de tren en concellos lucenses como Sarria, Burela, Ribadeo e Viveiro”.

E por se todo o indicado fora pouco, o Goberno falta ao compromiso adquirido para que durante o mes de xullo comezaran a funcionar en Galicia os trens Avril, que contribuirían a recortar os tempos das viaxe. “Xa nos atopamos no mes de xullo e aínda non sabemos cando iniciarán a súa andaina”, din os senadores do PP.  Arza, Barreiro e Manuel Lorenzo queren unha resposta concreta a súa pregunta de cando van comezar a funcionar en Galicia as liñas de trens Avril.