Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde insta ao alcalde Arias a sacar a licitación a recollida de lixo, con melloras no servizo nas parroquias e a obriga do lavado dos contedores

Castroverde, 7 de xullo de 2022. Cando os servizos públicos se prestan con contratos caducados, queda en evidencia a falta de capacidade de xestión do goberno correspondente. Iso é o que pasa en Castroverde coa recollida de lixo, unha tarefa que ten encomendada a empresa Urbaser. Ao principio do mandato, o alcalde, o socialista José María Arias, anunciou como inmediata a licitación para sacar de novo a contratación este servizo, pero dende entón nada se fixo, co conseguinte prexuízo económico para os intereses do municipio. Así o indica o portavoz popular, Rubén Otero, que insta a Arias e ao seu equipo de goberno a sacar a licitación canto antes a recollida de lixo, con melloras sobre a actual concesión.

Otero sinala: “Hai catro anos, as condicións económicas eran moi distintas. Se entón se houbera adxudicado de novo este contrato, o seu custo sería moito menor. Pero nada fixo o alcalde e agora, cando saía a licitación todo será moito máis caro, e, como sempre, os que pagarán serán os veciños de Castroverde. Este é o modelo de xestión dos socialistas”.

Os populares de Castroverde queren que no prego de condicións da próxima licitación se inclúan melloras en canto a recollida de lixo, especialmente nas parroquias. Pero tamén queren que inclúa a instalación e baleirado de papeleiras, uns recipientes que practicamente desapareceron en Castroverde.

Outra mellora fundamental que ten que incluír o prego de condicións é a limpeza viaria, é dicir, o servizo de varrido e baldeo de rúas, algo que na actualidade non se leva a cabo, salvo situacións moi especiais nalgún punto concreto da trama urbana. O portavoz popular sinala: “Xa denunciamos en máis dunha ocasión que a vila de Castroverde precisa limpeza viaria; é algo que ten que quedar recollido no prego de condicións, como ten que quedar ben determinado que a empresa terá que limpar a fondo periodicamente os contedores de lixo, para evitar o cheiro que producen especialmente cando vai calor”.