Partido Popular de Lugo

O PP pregunta ao goberno local polas accións de “promoción do Camiño Norte e da actividade económica” en torno a esta ruta ao seu paso por Lourenzá

Lourenzá, 5 de xullo de 2022. O Partido Popular considera ao Camiño Norte “un importante recurso para dinamizar Lourenzá” tanto social, coma cultural e tamén economicamente. “Lourenzá é final de etapa e, polo tanto, deberíamos aproveitar esta condición para ofrecer actividades e outros recursos dirixidos aos peregrinos e que deixen beneficio no noso pobo”, explican os populares.

Nese sentido, o Grupo Municipal Popular vén de rexistrar unha pregunta para formular ao goberno local socialista no vindeiro pleno da corporación municipal en relación ás accións de divulgación do Camiño Norte ao seu paso por Lourenzá para atraer visitantes á localidade; así coma dos recursos naturais e patrimoniais do noso municipio. Pero tamén en relación ás accións de promoción e apoio aos negocios e actividades económicas que xeren riqueza en Lourenzá aproveitando as necesidades dos peregrinos.

Os populares cren que “o Camiño Norte é unha oportunidade para facer medrar ao noso pobo”, pero require “un compromiso claro de traballo por parte do goberno local”. Con todo, “apreciamos unha falta de xestión nese sentido, igual que en moitos outros ámbitos”.

O modelo doutros Concellos

Dende o PP local poñen como exemplo “outros Concellos, con gobernos do PP, como poden ser Mondoñedo, Begonte ou Friol que están a poñer en marcha distintas iniciativas co fin de atraer os camiñantes que optan por esta ruta aos seus respectivos municipios co obxectivo de dinamizar a actividade social e económica”.