Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte reclama a Tomé que adopte medidas para mellorar a recollida de lixo na zona rural do municipio

Monforte, 5 de xullo de 2022. A recollida do lixo nas parroquias de Monforte é claramente mellorable, como se pode comprobar con facilidade e poñen de manifesto os veciños. O grupo municipal do PP, segundo anuncia a súa portavoz, Katy Varela, defenderá na próxima sesión plenaria unha iniciativa para que o Concello intensifique o control sobre como se levan a cabo estas tarefas na zona rural do municipio.

Varela explica que “o PP de Monforte visitou varias parroquias nas últimas semanas e recolleu suxestións e queixas dos veciños”. Nese recorrido, di a portavoz popular, “chamounos moito a atención como nalgunha zona os contedores estaban a rebordar de lixo sen recoller; en concreto, na parroquia de Sindrán os veciños aseguran que por algunhas zonas o camión só pasa unha vez ao mes”. Engade: “Efectivamente comprobamos que hai contedores a rebordar de lixo, que seguramente levan bastante tempo nese estado”.

Os populares teñen comprobado que o mesmo que ocorre en Sindrán pasa noutros lugares do Concello, polo que presentarán unha iniciativa para mellorar a recollida de lixo na zona rural de Monforte.