Partido Popular de Lugo

Daniel Vega destaca o importante recurso que supón para Ribadeo ser porta de entrada a Galicia do Camiño Norte e tamén do Camiño a vela

Ribadeo, 5 de xullo de 2022.O Camiño a vela cada día que pasa está máis de moda. Hoxe chega a Ribadeo a VII Travesía O Camiño a vela con 30 embarcacións e máis de 100 peregrinos navegantes franceses e españois que foron recibidos no Real Club Náutico de Ribadeo” despois de partir de La Rochelle (Francia) o 24 de xuño e recalar en portos do País Vasco, Cantabria e Asturias, explicou Daniel Vega. Esta travesía rematará o 14 de xullo coa última etapa a pé dende o último porto ata Santiago de Compostela.

O deputado autonómico e voceiro do Grupo Municipal Popular achegouse a darlle a benvida a Galicia aos participantes desta travesía e agarda que, posteriormente, “falen ben de Ribadeo tanto nos lugares que visiten coma nos seus lugares de orixe”.

A recepción incluíu degustación de produtos locais, de proximidade, co obxectivo de poñer en valor “o noso. Tamén presumiremos da música local que correrá a cargo da compositora e cantautora ribadense Carme Rodríguez”.

Apoio ás iniciativas que beneficien a Ribadeo

Vega sinala que “o Camiño a vela é unha das formas de peregrinar máis antigas. Tendo en conta que aínda é descoñecido este tema, debemos impulsalo e traballar para que tamén o Camiño a vela sexa cada día máis coñecido”.

Nese sentido, convida a “aproveitar todos os recursos que ten Ribadeo que é porta de entrada a Galicia do Camiño Norte e tamén por mar. Hai que seguir traballando e apoiando as distintas iniciativas que beneficien ao noso pobo”.