Partido Popular de Lugo

«Falta de previsión» no acondicionamento e seguridade dos areais, «outro suma e segue nos despropósitos de xestión do goberno do señor Llano», para o PP burelés

Burela, 4 de xullo de 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Burela, Manuel Rouco, define como un “suma e segue nos despropósitos de xestión do goberno local do señor Llano” a total falta de previsión en relación ao acondicionamento das praias e de programación das actuacións necesarias para garantir a seguridade dos bañistas en plena época estival.

Rouco considera que “a contratación dos socorristas xa debería estar feita” porque xa estamos en xullo e “xa hai bañistas nas nosas praias”. Pero, “a día de hoxe aínda non está finalizada”. O popular sinala que a situación de perigo se agrava coa presenza de maquinaria nos areais polo medio dos bañistas, como puidemos comprobar esta fin de semana. Unha situación insólita; pero, sobre todo, perigosa”, lamenta.

A todo isto, o popular engade outra situación que “roza o ridículo” como é o feito de que “a bandeira azul pendurada na praia urbana do Perdouro estea descolorida porque non é a oficial deste ano”.

Rouco explica que isto se debe ao rexeitamento do señor Llano e o seu goberno a asistir ao acto de entrega de bandeiras azuis de toda Galicia “ao que si acudiron moitos Concellos, pero os representantes de Burela, non”. Para facilitar a recollida das bandeiras azuis, dende a Delegación Territorial da Xunta ofreceulle a posibilidade ao goberno local de recollelas no noso municipio, “pero tampouco se achegou a recollelas ningún membro do goberno do señor Llano”.