Foz, 2 de xullo de 2022. As rúas en mal estado son motivo de numerosos inconvenientes para quen reside nelas ou no seu entorno, e contribúen a deteriorar a imaxe da cidade, tan importante para atraer turismo, pero tamén para o desenvolvemento doutros perfís económicos. O grupo municipal do PP, que ten por portavoz a Javier Castiñeira, presentou no pasado pleno unha iniciativa para que o Concello repare canto antes dúas rúas emblemáticas de Foz: Xesús Nazareno e a Rúa do Mar
Castiñeira di que a citada iniciativa popular é importante, necesaria e de atención urxente por parte do equipo de goberno municipal que preside o socialista Cajoto. O portavoz popular explica: “As Rúas Xesús Nazareno e Do Mar, dúas vías emblemáticas, importantes do barrio mariñeiro de Foz, están nun malísimo estado de conservación. Son rúas que unen a ribeira e o campo da Cabana e están cheas de fochancas, de parches mal feitos, e iso prexudica moitísimo aos veciños desa zona, tanto aos peóns como aos vehículos que teñen que circular por elas”.
Os populares indican que “son dúas rúas de transición entre a ribeira e o Campo da Cabana, e o seu pésimo estado prexudica á imaxe de Foz, porque é unha das zonas antigas, que está incluída no PEPRI; a falta de mantemento por parte do equipo bipartito (PSOE-BNG) prexudica aos veciños principalmente, pero dana moito a imaxe de Foz”. Os populares reclaman do goberno municipal que, canto antes, adopte as medidas precisas para arranxar urxentemente esas dúas vías. Queren que para elo “se deseñe un proxecto de rehabilitación desas rúas e que se faga en consenso cos veciños desa zona”.