Partido Popular de Lugo

O PP faise eco das queixas dos veciños de Paradela e reclama a Tomé a reparación da perigosa estrada de Santa María de Vilamaior a Castro de Rei de Lemos

Lugo, 1 de xullo de 2022. A maior parte da rede provincial de estradas está en moi mal estado. Así o comproba o grupo provincial do PP unha e outra vez, ao acudir á chamada dos veciños e dos alcaldes para sacar a luz os graves problemas que ocasiona o mal estado das estradas e para reclamar a súa reparación. O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica que “unha  vez máis o PP acode á chamada dos veciños que se queixan do malísimo estado da rede provincial de estradas; neste caso  desprazámonos a Paradela a petición do alcalde, José Manuel Mato, que está moi preocupado pola seguridade dos seus veciños, concretamente polo estado da LU-P 5709, que vai de Santa María por Vilamaior a Castro de Rei de Lemos e toca parte do Camiño de Santiago”. Nesta visita participou tamén o deputado provincial José Fernández.

Castiñeira explica: “Nesta estrada, segundo sinala o alcalde, José Manuel Mato, suceden numerosos accidentes, polo que é urxente dar solución a este problema. Hai partes do trazado moi sinuosas, con pontes, no que o firme está moi deteriorado; está sen rozar. Nalgún caso hai fochancas tan grandes que están cubertas cunha placa metálica. É unha estrada con moita circulación”.

Os populares, como xa fixeron no pasado pleno provincial mediante un rogo, piden “ao presidente da Deputación, delegado de Vías e obras, señor Tomé, que atenda as peticións dos veciños de Paradela e do seu alcalde e arranxe esta estrada”.

Castiñeira di: “Aproveitamos para dicir de novo a Tomé que aínda está a tempo de dimitir como delegado de Vías e Obras; o seu traballo é nefasto. Debe deixar paso a algún compañeiro; confíe neles e delegue, porque non pode pretender facelo todo, porque despois non fai nada. O caso máis  claro é o malísimo estado da rede viaria da Deputación de Lugo”. O alcalde de Paradela, José Manuel Mato, sinala: “A realidade das estradas da Deputación no Concello de Paradela é unha desfeita total. Na estrada que recentemente amañou a Deputación levamos 13 accidentes en dous anos e medio. E nas outras vías, tanto a do Páramo como esta LU-P 5709, os accidentes tamén son numerosos. O estado desta estrada é lamentable. E así están todas. Dende o 2007 non se lle tocou a esta estrada para nada. No 2007 fíxose unha primeira fase, que quedara contratada polo presidente Cacharro. Como alcalde reivindico a dimisión inmediata do delegado de Vías e Obras que vén ser o presidente da Deputación”.