Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro reclama melloras no paseo de Covas, entre elas a limpeza e pintado de todas as pérgolas

Viveiro, 1 de xullo de 2022. O coidado da imaxe da cidade é fundamental para que resulte cómoda e atractiva para os veciños e para os visitantes. Hai en cada cidade zonas que deben ser especialmente mimadas polos gobernos, polo que representan e por figurar entre os principais atractivos urbanos. No caso de Viveiro, un destes espazos é o paseo de Covas. Os concelleiros populares reclaman melloras neste paseo, en concreto consideran necesario pintar as cinco pérgolas que hai nel; queren saber por que só se mellorou nunha delas e non se fixo nada nas outras. No PP din que o deficiente estado deste significativo espazo urbano pon de manifesto a incapacidade de xestión do goberno presidido pola socialista María Loureiro.

Os concelleiros populares, que teñen por portavoz a Óscar Rodríguez, lembran que “en xuño, no paseo marítimo de Covas, comezouse a pintar unha pérgola. Os veciños que pasean a diario animábanse a realizar comentarios ilusionados pola mellora do paseo. Pintouse a pérgola, a poucos días retirouse as estadas e, a desilusión deu paso a comentarios sarcásticos”.

 A concelleira Teresa Pérez di que “é difícil de entender para as persoas que non ocupan postos no goberno municipal como é posible que con persoal, unhas hidrolimpadoras e un pequeno orzamento para pintura e baldosas, non se lle poida lavar a cara a un dos paseos marítimos máis bonitos da mariña lucense”. No PP lembran que levan avisando dende 2019 da necesidade de acometer melloras no paseo. Pérez destaca que “dende entón, só pintaron os farois e substituíron algunhas baldosas”. Engade: “O ano pasado chamamos a atención pola caseta dos socorristas, para que nos próximos anos se instalara unha caseta acorde á estética do lugar no que se sitúa xa estamos a comezar xullo e aínda non se instalou”.