Lugo, 1 de xullo de 2022. O Partido Popular amosa a súa sorpresa polas declaracións “desafortunadas” do presidente da Deputación sobre a postura da Xunta de Galicia respecto de resolver a situación xerada polo derrubamento do viaduto da A-6. Os populares ven a Tomé Roca “algo desnortado”, pois, tal e como quedou claro, “á conselleira de Infraestruturas o único que lle importa é acadar unha solución útil para todos”. Ante o suceder dos feitos, consideran que “unha vez máis queda claro que entre os lucenses e o Goberno, o presidente da Deputación de Lugo sempre elixe ao PSOE sanchista”.
“É unha mágoa que o Sr. Tomé, que é perfectamente coñecedor da inacción do Goberno respecto deste asunto, prefira salvarlle a cara aos seus de Madrid, no canto de esixir unha alternativa eficaz, como así sería o propio dun presidente que realmente lle interesa a provincia”, lamentan.
É é que a proposta do Ministerio non só é criticada pola Xunta. Os representantes da Comunidade limítrofe -Castela e León- e, por tanto, afectada tamén, xunto coa de Galicia, polo derrubamento do viaduto, tampouco se amosaron satisfeitos coa decisión do departamento estatal ao non resolver a circulación de entrada a Galicia nin o tránsito dos transportes especiais.
Dende o PP censuran así “a ousadía política” do presidente da Deputación luguesa, quen, no organismo que preside “di unha cousa e cando ten diante alguén do equipo de Pedro Sánchez, di o contrario”. Por este motivo, defenden que “esa dobre cara non se pode permitir” e ínstano “a facer valer a súa palabra e o seu cargo en Madrid para que as opcións do Goberno galego sexan, polo menos, escoitadas e non se actúe só con criterios partidistas, como sempre actúa este Goberno con Lugo”. Da Alta Velocidade nin falar e do resto de autovías, Pedro Sánchez xa se encargou de meter os proxectos nos caixóns da Moncloa”, manifestan.
“Levamos 23 días dende o acontecido e a ministra segue sen resolver o problema que ocasiona o tráfico cara A Coruña, que vai ter que seguir pasando por Pedrafita”. O que debería facer, destacan, é avanzar tamén nunha resposta definitiva para o viaduto do Castro e restablecer o tráfico na autovía. “Esta é unha proposta realista e viable tecnicamente, o resto obedece á dobre moral do partido de Pedro Sánchez que dista moito, insisten, daquel PSOE que si estaba interesado en chegar a acordos e a pactos de estado que beneficiasen ao país”.