Lugo, 29 de xuño de 2022. Hai un ano, o PP conseguiu que a Deputación aprobara a moción que presentou para intentar desbloquear a creación da Gran Senda do Navia, un proxecto compartido por concellos lucenses e asturianos. No pleno celebrado o pasado martes pola corporación provincial, os populares formularon unha pregunta ao goberno presidido polo socialista José Tomé para coñecer que xestións fixera ao fío da moción aprobada hai un ano. Non houbo xestións, máis aló do envío do acordo ao ministerio.
O portavoz popular, Javier Castiñeira sinala: “Ante o noso pesar, e en resposta a unha pregunta que formulamos, constatamos de novo que o equipo de goberno non respecta os acordos plenarios. A nosa pregunta tiña por obxectivo saber se o goberno provincial fixera algunha xestión en relación coa Gran Senda do Navia, despois de aprobar hai un ano unha moción do PP na que se instaba ao Goberno a considerar esta senda dentro dos camiños naturais de España e sobre todo a iniciar o proxecto e a obra, que inclúe concellos da montaña lucense e da zona de Asturias”. Engade: “O PP propoñía usar fondos Next Generation para crear esa senda, importantísima para os intereses dos concellos da montaña, que sempre mostraron a súa opinión favorable, pero o equipo de goberno non fixo ningunha xestión, salvo enviar o citado acordo plenario ao ministerio”.
A falta de xestión do goberno provincial, fixo que, tamén para a Gran Senda do Navia, fora un ano perdido, no que só fixo xestións o PP; os deputados do PP preguntaron varias veces ao Goberno sobre este asunto.
Castiñeira sinala: “Hai unha pasividade absoluta do goberno da Deputación e do Goberno do Estado. Cremos que a Gran Senda do Navia pode ser un revulsivo para o turismo na montaña, poñería en valor unha zona natural marabillosa, pero o equipo de goberno da Deputación, como el mesmo recoñece, non fixo absolutamente nada neste asunto”. A Gran Senda do Navia é un proxecto que afecta a catro comarcas e 16 concellos das dúas autonomías, dos cales sete son lucenses, concretamente: Pedrafita, Becerreá, Navia de Suarna, As Nogais, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Cervantes. Este proxecto foi promovido no seu día dende varios colectivos e pola Deputación de Lugo e o Principado. A tramitación da Gran Senda do Navia leva parada dende xaneiro do 2018, en que foi presentada ante a Dirección General de Desarrollo Rural y Política Forestal e que logo, coa moción de censura, quedou totalmente aparcado. A intención é conseguir a declaración de interese xeral e integrar esta senda na Red de Caminos Naturales.