Lugo, 27 de xuño de 2022. O PP lucense denuncia que “o Goberno central se nega a poñer en marcha unha liña de tren matinal para conectar Lugo con Ourense” e que, polo tanto, “permita aos viaxeiros procedentes da nosa provincia coller o primeiro ou o segundo tren Ave da mañá con destino a Madrid”. Así o manifestan os senadores José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela que pedirán explicacións na Cámara Alta dos motivos polos que “o Goberno central suma un novo agravio aos lucenses desconectándonos totalmente do resto de Galicia e de España con esta carencia de infraestruturas e comunicacións”.
Os representantes populares pola nosa provincia no Senado lamentan “este novo prexuízo aos lucenses por parte do Goberno de Pedro Sánchez en relación ás comunicacións ferroviarias da nosa provincia co resto do país”. E condenan que “trate de ampararse en criterios economicistas e nunha suposta falta de demanda” baseada en que os actuais servizos entre Lugo e Ourense a primeira hora da mañá -realizados en autobús- non cobren as prazas.
“O Goberno socialista impide aos lucenses chegar a Madrid antes da unha e media do mediodía -de feito, a primeira hora de chegada a Madrid para os usuarios que viaxan dende Lugo son as 13.42 horas- e, polo tanto, obriga a pernoctar na capital aos que precisan facer xestións pola mañá”, segundo manifesta Rosa Arza.
Son catro as liñas diarias entre Lugo e Madrid na actualidade, sendo unicamente unha a que permite o acceso á alta velocidade. Así mesmo, só unha das liñas entre Lugo e Madrid é directa, precisando as outras tres transbordo en Ourense -unha das cales esixe unha espera dunha hora enteira na estación ourensá-.
Os senadores advirten de que “a alta velocidade non chegou á nosa provincia” e preguntan ao Goberno central se realmente cren que os lucenses dispoñemos deste servizo “tendo en conta que só podemos facer uso dunha liña de Ourense a Madrid que, ademais, implica un transbordo”.
Sánchez desconecta Galicia
Recentemente, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o secretario de Organización do PP, Miguel Tellado, nun acto reivindicativo no que participaron outros representantes do PP galego e da provincia tamén chamaban a atención ao Goberno por “deixar desconectada a Galicia” porque o AVE non chegou a toda a comunidade, non sabemos nada dos trens Avril comprometidos para o mes de xullo e o novo plan de concesións de autobuses suprimiu paradas en concellos lucenses do rural. Ademais, a provincia de Lugo estase a ver prexudicada polo dobre colapso do viaduto da A-6 polo que os populares urxen ao Goberno central solucións e alternativas. De feito, a Xunta xa puxo tres alternativas enriba da mesa que serán trasladadas ao Goberno na reunión do vindeiro xoves.