Viveiro, 23 de xuño de 2022. A auga é un ben estratéxico, ao que non sempre se dá o seu verdadeiro valor. A xeralización das traídas, propiciou que a Administración preste menos atención da debida ás fontes públicas, que, xunto en moitos casos á súa compoñente ornamental, teñen o seu principal valor no subministro de auga. Dende calquera destes dous puntos de vista as fontes públicas, polo tanto de titularidade municipal, precisan atención por parte do Concello, o mesmo no que se refire a súa conservación como ao control e información sobre a calidade da auga. Así o sinala o portavoz popular, Óscar Rodríguez. Os populares presentarán unha iniciativa na próxima sesión plenaria para mellorar as condicións nas que se atopan, moitas delas hoxe en pésimo estado, e para ampliar os controles da calidade da auga.
Os populares denuncian que as fontes públicas de Viveiro están en moi mal estado de conservación. Case cubertas de maleza e de herbas, con evidente falta de limpeza e sen as necesarias obras de reparación, case sempre pouco custosas. Rodríguez di: “É unha demostración de falta de sensibilidade por parte do goberno municipal, presidido pola socialista María Loureiro. É unha pena, porque son pezas que, en moitos casos, teñen interese, son un valor patrimonial e, sobre todo, son parte da nosa historia”.
Con ser importante o aspecto, o máis relevante é o estado da auga que aportan as fontes públicas. O Concello, segundo sinala Óscar Rodríguez, fai algúns controles, mediante analíticas, do estado da auga dalgúns mananciais. Aínda son moitos, segundo sinala o portavoz popular, os veciños que gustan de consumir auga da súa fonte preferida. Por iso, asegura, “é moi importante que o control dos mananciais sexa frecuente, periódico e que a información dos resultados obtidos nas analíticas se difunda tanto como sexa posible, en síntese, para que a xente saiba se a auga é ou non apta para o consumo. “Á marxe de que en situacións extraordinarias, se fagan analíticas puntuais, o control sanitario das fontes debe ser sostido no tempo, periódico, frecuente e debe alcanzar a todas as fontes públicas do municipio”. Os resultados, traducidos no estado apto ou non para o consumo, deberán ser difundidos como información municipal, segundo indica Rodríguez, a través dos distintos medios posibles, incluída a páxina web e das redes do Concello.
O portavoz popular di que é precisa a colaboración dos cidadáns para que os avisos de auga non apta para o consumo non desaparezan das fontes. “É importante que o Concello habilite algún medio para que os carteis non desaparezan das fontes, porque a información de que a auga non é apta para o consumo e moi relevante, porque afecta a saúde das persoas”.