Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde solicita a comparecencia da concelleira de Asuntos Sociais para que explique as deficiencias do Servizo de Axuda no Fogar

Castroverde, 22 de xuño de 2022. O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Castroverde funciona mal, ou polo menos así se infire das queixas dos usuarios. Igualmente, tamén hai problemas de índole laboral. Por todo elo, o portavoz popular, Rubén Otero, acaba de solicitar a comparecencia no pleno da concelleira de Asuntos sociais “para que dea as explicacións oportunas sobre as deficiencias e queixas que existen sobre a prestación do Servizo de Axuda no Fogar, as solucións que se prevén de cara a próxima concesión do servizo e se desde o Concello se sopesa a posibilidade de remunicipalizar a prestación do SAF”.

Otero sinala que “a xestión do Servizo de Axuda no Fogar depende única e exclusivamente do Concello” e destaca que “é imprescindible para moitos dos nosos veciños e hai que prestalo nas mellores condicións”.

O concelleiro popular lembra que “dende hai tempo veñen chegando ao noso coñecemento queixas e malestar dalgunhas familias polas deficiencias do servizo e tamén da situación de precariedade laboral de traballadores dos mesmo”.

Otero di que a situación, lonxe de mellorar, parece empeorar, “como demostra o feito de que algún particular xa ten presentado queixas formais”, tanto no Concello como na Xunta.