Partido Popular de Lugo

O PP denuncia que Tomé leva tres anos enganando aos veciños de Cervantes e esixe á Deputación que dote ao concello da prometida residencia da terceira idade

Lugo, 21 de xuño de 2022. Ao goberno provincial quédalle grande a xestión da rede de residencias da terceira idade que se comprometeu a montar na provincia. Algunhas das residencias aínda non pasaron do papel e nalgunhas das que funcionan hai déficits. O portavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “Hoxe acercámonos a Cervantes para denunciar un engano neste concello da montaña lucense. Concretamente o engano da residencia da terceira idade; un engano con premeditación, porque produciuse pouco antes das pasadas eleccións municipais. O daquela presidente da Deputación, Darío Campos, e o alcalde de Cervantes asinaban un convenio do que nada sabemos a día de hoxe. Tres anos despois e un cambio de presidente, agora con José Tomé á fronte, que nada fixo por esta residencia”.

Castiñeira explica: “É un caso máis deses que acaban demostrando que á Deputación de Lugo se lle fai moi grande a rede de residencias. Son moitas promesas incumpridas e bastantes deficiencias na xestión, como puidemos comprobar en Trabada ou Castroverde, onde están sen activar os centros de día. Neste caso non hai practicamente nada feito en tres anos. Os veciños de Cervantes non viron nin un só movemento de diñeiro; quizá, chegadas as próximas eleccións, o equipo de goberno queira facer algún tipo de teatro para volver a enganar aos veciños de Cervantes”.

Os populares piden “seriedade e que canto antes se reactive a construción desta residencia, que, como os mesmos socialistas dicían, é moi necesaria e o pobo de Cervantes precisa esta infraestrutura”. Castiñeira di que “unha vez máis, o goberno da Deputación de Lugo incumpre os seus compromisos, especialmente cos concellos pequenos”.