Partido Popular de Lugo

“Que Lara Méndez non sexa capaz de sacar adiante o 5% do PXOM é a proba máis evidente de que o goberno co BNG está totalmente roto”, advirte o PP

Lugo, 18 de xuño de 2022. “Que Lara Méndez non sexa capaz de sacar adiante o 5% do PXOM é a proba máis evidente de que o goberno co BNG está totalmente roto”, advirte o Partido Popular. E é que para os populares o feito de que a socialista non fose quen de acadar o apoio do seu socio de goberno -o Bloque Nacionalista Galego- indica que “Méndez non ten forza como alcaldesa e, o que é máis importante, que nin se entenden, nin teñen vontade de facelo”, segundo manifesta o secretario xeral do PP da provincia, Javier Vázquez Nodal.

“No Concello de Lugo non temos goberno: o PSOE vai por un lado e o BNG polo outro. Non existe”. Tal é así que, apunta o secretario xeral, “estamos a vivir a mesma situación que co bipartito da Xunta de Touriño e Anxo Quintana; dúas Xuntas nunha e, en Lugo, dous Concellos nun”.

Sempre perden os lucenses”

Para os populares demóstrase, unha vez máis, que “PSOE e BNG só se alían para sentarse nos sillóns e non deixar gobernar ao Partido Popular. Iso é o único que lles importa porque a xestión é o de menos. Con eles nos gobernos quen perden sempre son os cidadáns. No seu momento foron os galegos, en Lugo os lucenses e, en Madrid co goberno de Sánchez, todos os españois”. En definitiva, sinala Javier Nodal, “son alianzas que nunca son rentables e que non son unha garantía para ter á fronte das institucións”.

A arrogancia de Lara Méndez

“O que aconteceu este venres é un feito gravísimo. É un bochorno e unha auténtica falta de respecto aos veciños de Lugo. Por dignidade política, Lara Méndez debería de pedir desculpas publicamente aos lucenses e abandonar esta forma de facer política, baseada na arrogancia e sen vontade de diálogo. Isto non se pode xustificar”, apunta.

O PSOE impide o traballo do PP

Javier Nodal tamén afea á socialista que “impedise ao PP facer o seu traballo” con respecto a este asunto. E é que, “malia pedirlle a documentación do PXOM o día 7, o PSOE non se dignou a entregarlla ao compañeiros do Grupo Municipal ata este martes; é dicir, tres días antes do Pleno. Ata este punto chega. Por iso, e por responsabilidade cos lucenses, o PP pedía o aprazamento da sesión. Pensamos que se trata dun asunto tan relevante como para estudalo e analizalo. O que fixo a alcaldesa non é digno de alguén que representa a unha cidade como a nosa”, advirte.