Chantada, 18 de xuño de 2022. Manuel Lorenzo Varela vén de ser elixido presidente do PP de Chantada por aclamación no congreso local. O popular, que estivo arroupado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a presidenta provincial, Elena Candia; ademais de por outros cargos orgánicos como o secretario xeral, Javier Nodal, e o coordinador xeral, José Manuel Balseiro, sinalou que este cónclave serve “para unir aínda máis a todas as sensibilidades do centro-dereita de Chantada. Estou convencido de que, efectivamente, será así e o partido chegará as próximas eleccións municipais en condicións de conseguir unha maioría aínda máis ampla da que ten na actualidade”, manifestou.
Neste senso, a líder dos populares na provincia puxo en valor “o compromiso indiscutible” de toda a candidatura, cuxo traballo reverterá, dixo, “en seguir facendo deste municipio un referente no esplendor e oportunidades socioeconómicas que ofrece toda a Ribeira Sacra. Son homes e mulleres con experiencia e, que por riba de todo, queren o mellor para o seu concello. Que dean este paso adiante non é un tema menor, polo que lles agradezo en primeira persoa esta implicación”, remarcou.
Elena Candia púxose a disposición do novo equipo para que no 2023 “Chantada siga estando gobernada polo Partido Popular porque, se algo é totalmente comprobable e constatable, é que os grandes avances, os grandes proxectos e as grandes obras, teñen o selo dos gobernos do PP”.
O traballo, a carta de presentación do presidente local
Precisamente, e con este mesmo obxectivo, Varela sinalou que o equipo directivo que sae do congreso ten como obxectivo crear as condicións para que dende o Concello sexa posible avanzar aínda con máis rapidez na mellora das infraestruturas e servizos de Chantada, e facelo da maneira máis satisfactoria para toda a sociedade chantadina.
O veterano alcalde destacou a importancia do traballo efectuado nos últimos anos, despois de superar as graves dificultades que atoparon no ano 2011 ao retornar á alcaldía. “Entre 2011 e 2016 foron anos moi difíciles, por distintos motivos, entre eles pola situación na que o anterior equipo de goberno deixou o Concello. Foi necesario facer un plan de reaxuste. Agora o Concello está en moi boas condicións”. Destaca que “as estradas municipais están sendo pavimentadas con aglomerado en quente; xa hai 30 quilómetros e pronto haberá 12 máis. Entre outros logros figura a adquisición de dous edificios nos casco histórico: un deles será biblioteca e, o outro, sede de servizos administrativos do Concello”.
Varela resaltou a mellora de infraestruturas eléctricas e o éxito do polígono industrial, a tal punto que pronto terá que ser obxecto dunha ampliación. Neste senso, lembrou tamén as melloras no pavillón polideportivo, no campo de fútbol, nos paseos fluviais e nas zonas axardinadas. Satisfeito co resultado da feira do viño deste ano, celebrada en fecha inusual, espera que a da próxima edición recupere as datas tradicionais. E anuncia que as festas de agosto deste ano “probablemente terán o mellor programa da historia das festas de Chantada”.
A lista
A lista que se presenta ao congreso para dirixir o partido durante os próximos anos está encabezada por Manuel Lorenzo Varela Rodríguez. Está integrada por: Blanco Vilela, Arturo; Carnero Blanco, Cándida; Diéguez Carballo, Manuel; Diéguez Fernández, Juan Alberto; Eiriz López, Rosa María; Fernández Águila, Pamela; Fernández Francisco, Luis, Fernández Ledo, Erica; Fernández López, Concepción; Fernández Reinoso, Ramón; González Vilela, Ana; López Abella, Susana; López Viana, Javier; Méndez Fernández, José Antonio; Otero Veiga, Diego; Quintana Fernández, Rubén, Rodríguez Medela, Javier; Vila Lamazares, Patricia; Vázquez Doval, Rubén.
A lista, segundo explica Manuel Lorenzo Varela, reflicte ao PP e á sociedade chantadina, tanto dende o punto de vista das idades dos seus membros, como polas súas ocupacións e preocupacións.
No prazo de poucos días, a directiva que sairá do congreso celebrará unha reunión na que se decidirá a asignación das distintas responsabilidades por secretarías.