Foz, 16 de xuño de 2022. Un ano máis, ás portas do verán, o goberno municipal de Foz, presidido polo socialista Fran Cajoto, tropeza na mesma pedra, na falta de decisión e organización para contratación de persoal suficiente para atender as necesidades do municipio nos meses en que se enche de visitantes. Tampouco esta vez foi Cajoto capaz de deseñar un verdadeiro plan de emprego, segundo sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, a pesar de que os socialistas non deixaban de reclamalo cando estaban na oposición. Os populares teñen cada vez máis claro que “Cajoto é unha copia perfecta de Pedro Sánchez, porque todos os seus anuncios só son fume e a única novidade é a propaganda”.
Castiñeira explica: “O que acabamos de escoitar sobre a contratación de persoal, é fume, totalmente fume, nada que non se fixera outros anos; ao contrario, é moito menos”. Insiste en que “falta un plan de emprego” e sinala: “As contratacións que se están facendo son as que se fixeron sempre aparte do plan de emprego que se elaborou nestes últimos anos. Os seis socorristas que dá a Xunta de Galicia, hai que suplementalos con moitos máis socorristas titulados, porque senón non se van poder subir as bandeiras azuis; seis máis suplementando aos 6 que aporta a Xunta de Galicia aínda son moi poucos. Os auxiliares son os que se facilitaban antes por Protección Civil e que agora son contratados directamente polo Concello e, polo tanto, non aporta ningunha novidade”.
Castiñeira lembra que “os operarios da Risga son os que dá cada ano a Xunta de Galicia a todos os concellos; nada novo, polo tanto, non pode dicir vostede, señor alcalde, que está facendo un plan para abordar este ano”.
Os populares indican que as substitucións de persoal do Concello e da Policía Local é o mínimo que debe facer o alcalde; tamén dotar de máis a xente a Turismo, que, como se fixo sempre, se duplica para ter as oficinas abertas”.
En resumen, Castiñeira di: “Isto, señor Cajoto, é un bluf; non engane a xente. Ademais de todo isto, é necesario un plan de emprego como propón o PP para suplementar a cuadrilla de obras, a de limpeza (o pobo está moi sucio) e para suplementar tamén a xardineiría, que as herbas invaden o concello. Déixese de titulares enganosos, de crear falsas expectativas, faga o plan de emprego que sempre pedía o PSOE cando estaba na oposición e que agora non o fai”.