Lugo, 14 de xuño de 2022. Cando un goberno carece de proxectos claros, acábase reflectindo na ordenación dos territorios. É un feito evidente no concello de Meira. Precisamente, pola falta dun planeamento urbanístico actualizado e axeitado, unha vez máis, un investimento considerable de fondos públicos, esta vez procedentes da Deputación, non será rendible socialmente e, o que é peor, xerará incomodidades a moitas persoas maiores. A obra en cuestión e un aparcadoiro, que, por decisión do goberno local, sitúase a uns seiscentos metros do centro urbano e comercial, cando podería estar ao lado do mesmo, porque hai terreos baleiros. Así o indica o portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, que xunto con viceportavoz no organismo provincial, Óscar Poy, visitou as obras do aparcadoiro, en compañía do portavoz municipal, Carlos Veiga, e do afiliado popular Manuel González.
Castiñeira explica: “O grupo provincial do Partido Popular visitou o concello de Meira, a petición do grupo municipal, que ten por portavoz a Carlos Veiga, para ver unha obra que se está a executar con fondos provincias. Trátase dun aparcadoiro, que ten un orzamento de cerca de 300.000 euros, e que, segundo os veciños e o PP de Meira, queda moi lonxe do centro urbano e vai ter pouca utilidade para os veciños. Hai que entender que esta é una comarca de zona rural, onde moita xente maior vén comprar á zona comercial de Meira e non pode ter o aparcadoiro moi lonxe do punto no que fai as compras”.
En palabras de Castiñeira, os populares lembra que o terreo no que se levan a cabo as obras “é un solar adquirido no seu momento por un goberno local do PP, para outros fines, entre eles deportivos, e non para un aparcadoiro. Para un estacionamento hai fincas moito máis próximas ao centro urbano, que poderían ser moito máis útiles; con menos cartos se podería conseguir un resultado moito mellor”.
En resumo, o portavoz popular aclara que no PP hai “descontento por ver como ás veces se tira os cartos provincias en obras que entendemos que van ter pouco uso”.
O portavoz popular en Meira, Carlos Veiga, destaca, pola súa banda, que o alcalde, o socialista Antonio de Dios, fixo caso omiso das suxestións expostas polo seu grupo para situar o aparcadoiro ao pé da zona comercial, é dicir, do centro urbano. Sinala que onde hoxe se constrúe o aparcadoiro estaban previstas instalacións deportivas, fin para o que foron adquiridos estes terreos por un goberno local do PP. Considera que non é de recibo pavimentar con formigón unha ampla superficie ao pé do río, ao lado dun parque e nunha zona que é Reserva da Biosfera.