Castroverde, 14 de xuño de 2022. A estas alturas do ano, as pistas e os camiños municipais de Castroverde están invadidos pola maleza que medra nas súas beiras, ata a punto de que fai perigosa a circulación rodada e peonil nalgúns puntos. O portavoz do PP en Castroverde, Rubén Otero, insta ao alcalde, o socialista José María Arias, a iniciar de inmediato os labores de desbroce das pistas municipais, para evitar situacións de perigo tanto no que se refire ao tráfico como aos incendios.
Otero apunta que, un ano máis, o alcalde toma con calma excesiva e inxustificable o asunto do desbroce das beiras das vías municipais, polo que, como noutras ocasións, finalmente se demorará moito máis do conveniente o inicio dos traballos. As contratacións necesarias, di o portavoz popular, hai que facelas con antelación suficiente ás fechas nas que é preciso empezar a eliminar a maleza que medra nas beiras de pistas e camiños.
O mesmo representante do PP lanza un aviso ao socialista José María Arias: “Espero que esta vez planifique o traballo para atender a toda a rede de pistas municipais de Castroverde. Que non veña despois dicindo que como “hai mil” non se dá chegado a todas. E, en todo caso, se hai, como é lóxico, unha orde de prioridade, queremos saber cales son os criterios polos que se rexe”.