Viveiro, 13 de xuño de 2022. Con frecuencia, a solución dos problemas que molestan aos veciños depende máis da vontade política que da disposición de recursos. En Viveiro, a falta de vontade por parte do goberno local, presidido pola socialista María Loureiro, é tal que nin eses problemas resolve. Os populares defenderán unha iniciativa na próxima sesión plenaria para instar ao goberno municipal a adoptar as medidas necesarias para corrixir o deficiente asentamento das tapas de rexistros en rúas de Celeiro.
O portavoz popular, Óscar Rodríguez, indica que na Rúa Lavandeiras, en Celeiro, algunhas das tapas de rexistros están mal asentadas e, cando pasan sobre elas os vehículos, móvense e producen un forte e desagradable ruído; é algo que resulta molesto para os veciños a todas as horas dos día, pero moito máis durante a noite.
Rodríguez di que sería sorprendente que a alcaldesa e o seu equipo non tiveran coñecemento deste problema. Se o coñecían, e non fixeron nada, é grave, destaca o portavoz popular; e, se non teñen información, malo tamén. Explica: “En todo caso, o grupo municipal do PP faise eco das queixas dos veciños e levará este asunto ao pleno, polo que ao goberno non lle quedará máis remedio que tomar as medidas precisas. Se non o fai, terá que explicarllo aos veciños”. Propón que o Concello efectúe unha revisión das tapas de rexistro nas rúas da cidade para comprobar onde se dá este mesmo problema para corrixilo o antes posible.