A Pobra do Brollón, 11 de xuño de 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular da Pobra do Brollón, Fernando Parada, urxe ao goberno local a realizar as xestións necesarias para retirar os residuos voluminosos depositados nun punto situado na marxe dereita da N-120 en dirección Quiroga ao seu paso pola localidade de Abrence.
O popular cre que o goberno local debe actuar de forma urxente para evitar que “a aparición de puntos de acumulación de lixo e distintos tipos de residuos chegue a converterse nun vertedoiro incontrolado que poida supoñer un problema de seguridade e salubridade”. Pero, ademais, “poden supoñer risco de incendio”.
O Grupo Municipal Popular sinala que, ademais dun problema medioambiental e para a saúde, tamén constitúe “unha mala imaxe para o noso concello”. Parada insta, polo tanto, ao goberno local a realizar “as xestións ante as distintas administracións que sexa necesario para solucionar este problema canto antes”.
Colaboración cos veciños
O popular defende, ademais, que “o goberno local debe ofrecer aos veciños a colaboración necesaria para a recollida de residuos voluminosos” e, incluso, “tomar todas as medidas que estean nas súas mans para asegurarse de que todos coñezan as distintas posibilidades das que dispoñen para depositar este tipo de residuos sen prexudicar ao medio ambiente e a imaxe do noso concello”.