Partido Popular de Lugo

Os senadores do PP por Lugo piden explicacións ao Goberno polo derrube do viaduto do Castro da A-6 e queren saber canto tempo estará cortada a autovía en dirección a Madrid

Lugo, 10 de xuño de 2022.  O derrube do viaduto de O Castro, na autovía A-6 en Pedrafita, precisa de moitas e detalladas explicacións por parte do Goberno, tanto polo sorprendente do suceso en si mesmo como polas consecuencias que del se derivan. Os senadores populares por Lugo, José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Lorenzo Varela, presentan unha batería de preguntas ao Goberno central. Entre outras cuestións queren saber “qué opcións vai dar o Ministerio de Transportes aos vehículos que saian de Galicia cara á meseta para que as comunicacións entre a comunidade autónoma e o resto da Península non retrocedan dúas décadas”

Os populares lembran que o viaduto de O Castro forma parte da autovía norte de acceso a Galicia (A-6) e foi construído na segunda metade dos anos 90 para resolver o paso do porto de Pedrafita. O día 7 de xuño de 2022 derrubouse parte desta ponte, concretamente uns 50 metros. Indican que a propia Administración xa detectara problemas co postensado das dovelas prefabricadas das vigas caixón nas que se apoia cada van, e, en teoría, estes problemas xa se corrixiron despois dun ano de traballos.

Arza, Barreiro e Varela destacan que o Ministerio de Transportes declarou urxente a intervención urxente nesta ponte a primeiros de xuño de 2022, un ano despois de iniciarse as obras polos problemas estruturais do viaduto; o director xeral de Estradas do Ministerio de Transportes e Mobilidade di agora que o colapso da ponte debeuse a problemas adicionais non detectados na súa revisión.

Os populares queren coñecer qué descubriu o Ministerio de Transportes en xuño de 2022 que non detectara anteriormente para declarar urxente a intervención no viaduto. Indican que, segundo declararon algúns obreiros aos medios de comunicación, “as obras xa estaban terminadas” cando sucedeu o derrube.

No PP pregunta como é posible que non se detectaron estes “problemas adicionais” que causaron o derrube do viaduto na revisión que se realizou antes do inicio das obras? E tamén queren saber qué membro do Goberno asumirá a responsabilidade deste suceso. Os senadores populares pretenden que o Goberno concrete cando vai comezar o Ministerio de Transportes a investigar o motivo do derrube? Igualmente, intentan aclarar qué actuacións vai levar a cabo o Ministerio de Transportes para reparar o viaduto de maneira efectiva. Os populares preguntan canto tempo máis calcula o Ministerio de Transportes que non poderá utilizarse a A-6 para circular desde Lugo en sentido Madrid?