Partido Popular de Lugo

O PP de Navia esixe ao socialista José Fernández que resolva dunha vez os problemas na traída que deixan aos veciños sen auga continuamente

Navia de Suarna, 9 de xuño de 2022. Hai servizos que, como o subministro de auga, son básicos e a súa prestación deficiente xera grave problemas aos veciños, tanto no ámbito doméstico como en todo o que afecta a actividade económica. O goberno municipal de Navia de Suarna, presidido polo socialista José Fernández, é incapaz de garantir a normalidade no abastecemento de auga aos veciños, que sofren todo tipo de deficiencias neste servizo, de maneira que nos últimos quince días en amplas zonas de Navia e do seu entorno quedan sen subministro durante longos períodos de tempo. O portavoz municipal do PP, Jesús María Fernández, esixe do goberno municipal que adopte as medidas precisas para solventar os problemas da traída e lembra que no seu momento avisou de que as obras que se pretendían acometer non resolverían o problema.

O caso é, di o portavoz do PP, que Navia de Suarna leva 15 días sen un subministro de auga axeitado. Como consecuencia dos reiterados fallos no abastecemento -sinala­­-, estase a ocasionar importantes perdas aos negocios, especialmente aos de restauración.

Jesús María Fernández lembra que o PP ofreceuse a colaborar co goberno local para buscar unha solución con intervención doutras administracións, pero o alcalde fixo caso omiso desta proposta. As deficiencias no subministro de auga a Navia veñen de lonxe. O ano pasado, no mes de marzo, o grupo municipal do PP xa denunciaba que “coa nova traída estamos igual ou peor que antes”, porque xa entón os cortes no subministro eran continuos. Os populares lembran que o Concello investiu máis de 100.000 euros na construción do novo sistema de captación, pero dito investimento “non serviu para mellorar a situación que tiñamos”. O portavoz popular destaca que, ademais dos cortes no subministro, é frecuente que cando chove intensamente, a auga saia moi sucia.