Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba esixe ao goberno local unha “mellor xestión do FIV” para que recupere “o prestixio e a calidade”

Vilalba, 8 de xuño de 2022. O Grupo Municipal Popular de Vilalba defenderá no vindeiro pleno unha iniciativa para que o Concello recupere o prestixio e a calidade do FIV, “logo do decaemento rexistrado no presente ano” no que “a repercusión económica que tivo no municipio, nin se lle acerca á das edicións anteriores á pandemia”. Como “dato incuestionable”, os populares subliñan que só se venderon 1.714 abonos dos 5.000 postos á venda.

A voceira, Sandra Vázquez, explica que “o FIV 2022 rexistrou a menor afluencia da historia do festival, a pesar de ser a edición que supuxo un maior gasto municipal e celebrarse nun recinto con maior aforo”. Ademais, a popular lamenta que “os asistentes leven unha mala imaxe de Vilalba debido á desorganización total por parte do goberno local como demostra o feito de que, o día antes, cambiasen a ubicación da acampada e incluso tivese que facer unha retención de crédito de case 200.000 euros por terse esquecido dos gastos de produción”. A esta circunstancia engádense, ademais, “os múltiples fraccionamentos de pagos cos que o goberno local se saltou a Lei de Contratos do Sector Público”.

A popular condena que “o equipo de goberno intentase poñer a venda antes da ferida nunha rolda de prensa despois de que o Grupo Municipal do Partido Popular solicitase información sobre o FIV. Pero o certo é que os datos reflicten que houbo moi pouca asistencia á edición deste 2022. Esta situación afectou negativamente a varias empresas e sectores do municipio coma supermercados, hoteis, bares, restaurantes, cafeterías ou taxistas que esperan cada ano o FIV coma auga de maio; pero que, nesta ocasión, non funcionou como revulsivo para os seus negocios”.

O Festival Independente de Vilalba naceu en agosto do 2008 da man da Comisión de Festas Patronais de San Ramón e Santa María e ao ano seguinte o Concello pasa a facerse cargo da súa organización co obxectivo de facer del un evento duradeiro. Dende entón tivo unha progresión ascendente e a partir do 2017 foi incorporando de forma paralela outras actividades culturais en distintas instalacións e, incluso, serviu para dar proxección á música local. No 2020 non se puido celebrar a causa da pandemia e no 2021 tamén sufriu as restricións normativas pola pandemia. Pero neste 2022, con menores restricións e nun recinto con maior aforo, “lamentablemente o número de asistentes diminuíu considerablemente”, explican os populares.