Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba alerta dos problemas que pode supoñer a prórroga do convenio do Concello coa Deputación sobre os servizos que presta Tragsa

Vilalba, 8 de xuño de 2022.O Grupo Municipal Popular de Vilalba urxe ao goberno local a tomar decisións sobre o servizo de limpeza de centros educativos e outros edificios municipais debido a que “o convenio entre o Concello e a Deputación polo que se lle encargaba a súa prestación á empresa pública Tragsa caduca o 7 de xullo”.

Os populares amosan a súa preocupación ante esta situación tendo conta, especialmente, que “existe unha sentenza que decreta a nulidade de pleno dereito de adquisición dunha acción de Tragsa por parte da Deputación que lle permitía converter a empresa en medio propio e habilitala para a prestación de servizos coma os establecidos no convenio co Concello de Vilalba. Se ben é certo que a sentenza non é firme, de confirmarse quedaría invalidado o procedemento e as consecuencias serían graves no eido persoal e patrimonial”.

Ata o de agora “descoñecemos cal vai ser a determinación que tome o goberno local socialista: non se sabe se o vai dar por finalizado, se vai asinar un novo convenio coa Deputación ou se pretende prorrogalo máis tempo”.

Sandra Vázquez considera este caso outro exemplo máis da “falta de transparencia e capacidade de xestión por parte do goberno local que continúa a afectar á gobernanza e á prestación de servizos”. A voceira popular subliña outros casos coma o concurso declarado deserto e sen vía de solución en relación ao centro de día, o contrato de recollida do lixo e limpeza viaria que vai camiño de dous anos caducado, sen licitación nin prórroga e funcionando pola vía de feito”. Así mesmo, engade “a RPT perdida no limbo e a situación agravada polo feito de que dous postos fundamentais do organigrama municipal como son a Secretaría e a Intervención están en situación de provisionalidade”.

O Grupo Municipal Popular esixirá polo tanto no vindeiro pleno a convocatoria, coa máxima urxencia e nun prazo non superior aos 15 días, da Comisión de Asuntos do Pleno ou outro órgano que considere oportuno para estudar e tomar decisión con respecto ao convenio asinado entre o Concello e a Deputación. E tamén das respectivas comisións municipais sectoriais, para o estudio e a adopción de acordos en relación á situación do centro de día, o contrato do lixo e a RPT”.

Servizos de conciliación

Os populares tamén pedirán explicacións ao goberno local no pleno que a corporación celebra esta semana sobre servizos de conciliación para as familias. Nese sentido, queren saber que empresa prestará o servizo de actividades de verán para os nenos e nenas en Vilalba e, unha vez rematado o período de inscrición, cal é o número de inscritos. Tamén queren saber cales son as actividades de verán previstas para desenvolver na área recreativa da Madalena e cal é a alternativa para as actividades acuáticas despois do peche e derrubamento do parque acuático.

Por outra banda, de cara ao vindeiro curso 2022-2023, preguntarán se o goberno local ten previsto ofrecer o servizo Madrugadores nas mesmas condicións que o presente curso no que asumía o Concello a xestión directa nos propios centros. E, de ser o caso, se esixirán un número mínimo de nenos para poñer en marcha o servizo.

Tamén advirten de que a Biblioteca Municipal, un servizo cultura, social e educativo, estivo pechada a maior parte da semana do 23 de maio e preguntarán polas causas dese peche coincidindo, ademais, coa época de exames.