Partido Popular de Lugo

Daniel Vega destaca “o traballo conxunto e a planificación” nas obras de rehabilitación da estrada de Rinlo nas que a Xunta investiu preto de 40.000 euros

Ribadeo, 8 de xuño de 2022.O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo e deputado autonómico, Daniel Vega, pon en valor “a planificación” á hora de levar a cabo as obras de mellora de rehabilitación do firme da estrada dende a nacional ao centro de Rinlo, a LU-141, nas que a Xunta inviste preto de 40.000 euros.

“Os traballos xa se iniciaron cunha limpeza previa do firme, rehabilitouse toda a carretera con mestura asfáltica en quente e agora queda pintar e sinalizar a vía para completar a actuación que supón unha mellora na seguridade para os vehículos e peóns”, explica.

Vega asegura que “o traballo conxunto deu os seus froitos. Despois de bastantes reunións do Grupo Municipal Popular coa asociación de veciños, a Xunta concretou orzamento e planificou a obra para realizala antes dos meses de verán”; xa que “non sería conveniente executala neses meses nun pobo turístico como é Rinlo, que estaría abarrotado de xente. A planificación foi moi importante”, remarca.

O popular considera importante “resolver os problemas que nos trasladan os veciños con propostas concretas”. Polo tanto, “o Grupo Municipal Popular seguirá nesta liña: escoitando as propostas dos veciños e traballando para conseguir investimento para Ribadeo e as súas parroquias”.