Partido Popular de Lugo

Candia reivindica coa Asociación de Gandeiros Galegos da Suprema o cumprimento da Lei da cadea alimentaria para a posta en valor do produto e aumentar a rendibilidade na produción

Lugo, 8 de xuño de 2022. A presidenta provincial, Elena Candia, mantivo unha reunión de traballo co presidente da Asociación de Gandeiros Galegos da Suprema , Santiago Rego Teijeiro, na que coincidiron na importancia de cumprir o protocolo promovido pola Xunta e asinado polos axentes galegos do sector para a posta en valor deste produto; un acordo, indica Candia, “histórico na cadea de valor de vacún de carne” para facer fronte á situación xeneralizada de venda a perdas no sector.

Neste senso, a tamén vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia salientou a posta en marcha do observatorio galego da cadea alimentaria, para loitar tamén contra a venda a perdas, así como da nova unidade que asume as funcións da Axencia de Control Alimentario en Galicia, con este mesmo obxectivo. Ao mesmo tempo, a dirixente lucense coincidiu en reclamar ao Ministerio de Agricultura que corrixa as axudas ao vacún de carne, que cualificou como “insuficientes e discriminatorias” en relación con outros sectores. “O que resulta absolutamente innegociable é que ten que cumprirse a lei de cadea alimentaria e que non se pode vender por debaixo do prezo do custe e que ten que haber máis marxe de beneficio para os gandeiros”, remarca Candia.

O 70% dos socios, en Lugo

A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega conta con máis de 8.000 explotacións adheridas e esta asociación, que reúne máis de 500 socios, dos que o 70% están na provincia de Lugo. Ademais, este colectivo aporta entre o 35 e o 40% da produción de Ternera Gallega Suprema. Segundo avanza o seu presidente, a media por explotación a nivel autonómico supera as 50 produtoras.

Deste xeito, apóiase o traballo desenvolvido pola Xunta a prol deste sector, que está a padecer unha situación de venda a perdas, xa que, en números redondos, existe unha diferenza de 1 euro por quilo entre o que terían que percibir os gandeiros para cubrir os seus custos e o que realmente cobran.