Monforte de Lemos, 6 de xuño de 2022. O alcalde de Monforte xa ten dadas sobradas mostras de que prefire a participación en actos políticos e sociais nos que promocionar a súa imaxe que atender á xestión dos asuntos municipais. Esta preferencia do socialista José Tomé quedou de novo de manifesto na pasada sesión plenaria e en relación cos problemas que se dan no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), tanto de índole propiamente laboral como de atención aos usuarios. A portavoz popular, Katy Varela, sinala: “Avergóñanos todo o acontecido en relación á renovación do contrato do Servizo de Axuda a Domicilio no Concello de Monforte. Dende o momento no que o alcalde decide irse á estrea dunha película no canto de afrontar no pleno as reivindicacións das empregadas, ata o desenlace desta renovación, actualmente en sede xudicial e paralizada como medida cautelar”.
A portavoz popular declara: “O PP denuncia non só a falta de empatía do alcalde, ex sindicalista, coas empregadas deste servizo, tan necesario, fundamental neste municipio, senón tamén a súa nefasta xestión no servizo”. Katy Varela explica: “Somos coñecedores de que na data na que se celebrou o último pleno, 30 de maio, existían 105 expedientes resoltos pola Xunta que estaban en lista de espera para asignar horas de servizo de axuda a domicilio. Estes atrasos xa os denunciamos nun pleno hai varios meses, no que instamos ao Concello a poñerse ao día pedindo máis horas subvencionadas á Xunta, pois a Administración autonómica non só subiu o importe da subvención, senón que ademais está disposta a outorgar máis horas”. Os populares aclaran que “nesta renovación do contrato non se tivo en conta ese número de expedientes pendentes de asignación do servizo, polo que o atraso continuará”. Engaden: “Sendo conscientes de que este goberno local non fai caso á nosa advertencia en canto aos atrasos no servizo, só nos queda a esperanza de chegar á alcaldía e xestionar correctamente en beneficio dos veciños”.