Partido Popular de Lugo

Pablo Taboada, sobre o novo mapa de liñas de autobús estatais: “O Executivo central amosa o seu menosprezo e a falta de implicación cos concellos do rural”

Palas de Rei, 4 de xuño de 2022. O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, participou este venres nunha xuntanza coa secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, e outros representantes políticos dalgúns dos municipios afectados -en total son 23 os prexudicados- pola decisión do Goberno central de deixar a máis de 136.000 galegos sen parada de autobús como recolle o novo mapa concesional das liñas de autobús estatais.

Pablo Taboada incidiu en que se trata dunha decisión “nefasta” por parte do Goberno central, cualificándoa como outra mostra da súa falta de implicación e “menosprezo absoluto” aos concellos do rural, que precisan “dun transporte público século no que estamos e non volver a tempos pasados”.

Nese senso, lamentou as complicacións que esta situación provoca nos máis os novos, que se atopan con serias dificultades para asistir aos seus centros de estudos. Igualmente, non esqueceu a perda da conexión co aeroporto de Santiago, ademais de facer fincapé nos problemas que esta desconexión supón para dar servizo ao turismo e aos centos de peregrinos que percorren os municipios nas rutas xacobeas.

Os populares cuestionan a actitude de Sánchez, que afonda no abandono do rural, eliminando paradas, suprimindo tráficos internos dentro da Comunidade e promovendo transbordos nas viaxes de longa distancia.

Ademais, ao mapa concesional súmase á Lei de Mobilidade que impulsa o Executivo central e que supón suprimir os trens rexionais galegos. Deste modo, é unha evidencia que o Goberno prima a planificación urbana e metropolitana, e a rendibilidade económica da mobilidade, condenando así ao rural a unha perda radical de servizos e de conectividade en transporte público.

Igualmente, afearon que nunha cuestión que se basea en conectar a vida das persoas e que canto máis precisamos a vertebración territorial, o Goberno de Sánchez opte por desconectar a Galicia, por poñer a marcha atrás e que borre do mapa 23 paradas claves para os galegos.

Iniciativas no Parlamento e nos Concellos

Para que a desconexión que pretende levar a cabo Pedro Sánchez non sexa unha realidade, o PPdeG presentará unha Proposición non de Lei no Parlamento e mocións nos diferentes concellos instando ao Goberno central e ao PSdeG a reverter o agravio que supón para a Galicia rural.