Lugo, a 31 de maio de 2022. Os integrantes do bigoberno provincial (PSOE e BNG) intentan facer de cada sesión plenaria da Deputación un ariete contra a Xunta. É unha maneira de desaproveitar os plenos para servir a Lugo. O PP espera que na sesión de hoxe non volva pasar o mesmo e sexan aprobadas as iniciativas que defenderá, que son a creación de un Fondo Extraordinario de Anticipos Reintegrables e unha comisión de seguimento da xestión do patrimonio procedente de Suplusa.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinalou antes de entrar na sesión plenaria: “Unha vez máis o grupo provincial do PP demostrará que cree firmemente nas deputacións, nas súas competencias, porque entendemos que son útiles e fundamentais para o desenvolvemento dos concellos pequenos da nosa provincia. Así foi sempre cando gobernou o PP e creou a rede de estradas provinciais máis importante de toda a península e así o seguimos pensando”. Engadiu: “Cremos que a cooperación é unha das maiores competencias que ten a Deputación; a cooperación, especialmente cos concellos máis pequenos e para todos, para os 67 concellos. Así o demostramos no seu momento co Plan Único, para o que creamos unhas bases obxectivas, que son boas para todos os concellos, xustas e transparentes, e así o pedimos tamén na creación deste Fondo Extraordinario de Anticipos Reintegrables, que é para que os concellos pequenos poidan optar a subvencións en igualdade de condicións con outros, especialmente nun momento importante de recuperación como é este ano e será o 2023”.
Castiñeira manifestou: “Cremos no protagonismo das deputacións; non somos como o PSOE e o BNG, que gobernan institucións nas que non cren, como dixo o Bloque e a si o están a demostrar; usan as deputacións polo seu interese político”.
Os populares, dixo Castiñeira, cren “na utilidade das ferramentas que teñen as deputacións, como foi Suplusa, unha empresa pública e provincial ao 100%, que funcionaba, que tiña patrimonio, que daba servizos e que o goberno da Deputación de Lugo disolveu e agora o único que fixo foi substituíla por Tragsa, prexudicando a unha serie de traballadores, abandonar o seu patrimonio e non usar os 4,3 millóns de euros que recibiu da citada sociedade”. Afirmou: “Por iso pedimos unha comisión de seguimento, coa idea de que os plenos da Deputación sirvan para algo e que non sexan unicamente e exclusivamente para facer oposición á Xunta de Galicia, como pretenden PSOE e BNG, como levan facendo todos estes anos”.