Lugo, a 31 de maio de 2022. “De todas a mocións que levan presentado, se algunha merece a cualificación de absurda é esta. Merece un 10 neste senso”. Así o indicou o deputado do Grupo Provincial Popular, Francisco Balado, ante a iniciativa socialista que incluía a modificación do programa “Coidados Porta a Porta” da Xunta de Galicia.
Para o popular quedou claro que a intención dos socialistas é “botar por terra un programa que presta un servizo inexistente, pero que, por capricho, e a pesares de levar tan só dous meses funcionando, xa queren impedir que os usuarios se beneficien del”. A este respecto, e dixiríndose a Mayra García, deputada encargada de defender a iniciativa do PSOE, indicou que “máis absurda foi a súa postura como alcaldesa, cando estivo o autobús no seu concello. Eu como alcalde nunca faría iso, pero cada un opera como é”.
E é que, explicou, dos 11 Concellos da Mariña só foi Trabada “o que lles puxo trabas cando nin sequera sabía como funcionaba”. E todo elo, destacou Balado, a sabendas de que se ofrecen servizos esenciais como o de podoloxía, audioloxía, ou oftalmoloxía, sendo atendidos máis de 1.000 usuarios en cada prestación. “Ata mediados de mes de maio 4.700 persoas maiores xa están a recibir estes coidados e preténdese a chegar a máis de 100.000 galegos. Non é un programa froito da improvisación, si da planificación, e xurde dunha experiencia piloto de 2019 para dar servizo ao rural galego”, detallou.
“A política da churrascada” do PSOE
O deputado do PP censurou o atrevemento dos socialistas, xa que “propaganda é contratar autobuses con cartos públicos, como o km0, e gastar estes fondos en comidas e churrascadas e invitando a políticos. Igual pasou co autobús Saborea a Túa Provincia ou o autobús que puxo en marca en 2007 o BNG para asesorar sobre a Lei de dependencia, cando este era un servizo que ben poderían prestar os Concellos. Vostedes son os de fai o que eu digo pero non o que eu fago. O que pretenden é boicotear e non respectar ás persoas que se benefician deste programa”.
O PSOE “fai o ridículo”
Os populares afirmaron que “se non queren estes servizos, díganllo á Xunta de Galicia. Non veñan a facer este ridículo porque a inmensa maioría da xente está contenta. Poderán protestar dentro de dous anos e non ó mes seguinte. O que defenden é a política da churrascada e da comidas; se o fan os demais é ilegal e, se o fan vostedes, e lícito”, criticou o popular.