Xermade, 29 de maio de 2022. O Partido Popular analiza a xestión do goberno local de Xermade e conclúe que dende a chegada do PSOE “nada mellorou”. Así o indican os populares logo da reunión que mantiveron e na que estiveron acompañados da presidenta provincial, Elena Candia, e o do coordinador xeral, José Manuel Balseiro.
E é que segundo apuntan, “o concello está moito máis abandonado e os veciños pagamos máis impostos: auga, lixo, IBI, etc”. Ademais, afirman, “seguimos sen axudas para os sectores afectados pola pandemia, a pesares de que o noso grupo pediuno en varios plenos”.
Para os populares existe unha clara deixadez de funcións do rexedor socialista. Proba delo, subraian, é que “das poucas obras que se fan, estas eternízanse no tempo”. Incluso, sinalan, algunhas como a depuradora do Empalme, en Cabreiros, leva sete anos de aprazamentos.
Trato directo e traballo para ser “a alternativa”
A dirección provincial, que encabeza Elena Candia, continuou así a rolda de contactos coas agrupacións da provincial para “pulsar” a opinión dos afiliados e, sobre todo, indican, “escoitar e ver onde podemos axudar”.
Para a máxima dirixente da formación popular estes encontros “son a base primordial do noso traballo”. “Eu así o entendo. Estar cos nosos afiliados, simpatizantes e veciños é a mellor política que podemos facer como Partido”, remarcou.
Neste senso, a líder luguesa púxose a disposición da formación de Xermade para “sumar tamén dende as administracións nas que temos representación”. “Este municipio necesita un cambio; iso é evidente. O que temos que facer é seguir traballando para en maio de 2023 ser a alternativa. A iso me comprometo porque, defendeu, así o merecen os veciños deste concello”.