Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte defenderá no pleno unha proposta para facilitar aos locais de hostalería terrazas tan amplas como sexa posible, dentro do establecido na ordenanza

Monforte de Lemos, 27 de maio de 2022. O Partido Popular de Monforte de Lemos, preocupado por decisións arbitrarias adoptadas polo alcalde, José Tomé (PSOE), en relación co espazo asignado a terrazas de hostalería, defenderá unha proposta na próxima sesión plenaria co fin de garantir que durante a temporada de verán os establecementos da cidade do Cabe poidan ter tanta superficie de terraza como desexen, dentro do fixado na correspondente ordenanza e garantindo a accesibilidade.

Os populares lembran que o Concello perdeu o litixio que mantivo cun hostaleiro polo espazo de terraza que lle asignou. O xulgado entendeu que o recorte de superficie en relación coa primeira autorización non estivo suficientemente motivada e anulouna. A portavoz popular Katy Varela sinala que “con cada acto administrativo no que se restrinxe o uso do espazo público por parte de local de hostalería, pérdense postos de traballo e recadación por parte do Concello; sen dubida a mellor forma de recadar impostos é a través do empuxe económico da cidade”. Os populares indican que “o alcalde pretende por decreto decidir o uso público do espazo para terrazas e limitalo sen pasar por debate plenario e modificar correctamente a ordenanza que existe ao respecto”. Non entenden “ese capricho de limitar o espazo dunha forma xenérica sen atender ás circunstancias de situación de cada negocio”.

O PP, “que sempre está pola xeración de emprego”, destaca que Monforte depende economicamente en gran parte da tempada estival, na que e a hostalería ve incrementados o seus ingresos coa chegada de turistas. Polo tanto, “a administración local debe dar facilidades para que poidan desfrutar de máis espazo público sen vulnerar as norma de tráfico ou de tránsito de peóns”.

Por outra parte, o grupo municipal do PP defenderá no pleno una moción para ampliar o número de prazas correspondentes aos nenos con necesidades especiais no campamento de verán deste ano.

Os populares lembran que o pasado 14 de maio o alcalde deu a coñecer o programa deportivo de verán para rapaces de este ano. Ao parecer aumenta o número de prazas, pero de novo non se teñen en conta os menos con necesidades especiais. Indican que, no relativo ao campamento de verán, aumentan as prazas para menos con discapacidade de 4 a 6 prazas, polo incremento dun 25 % das prazas en xeral, pero, como xa denunciaron o ano pasado, non son suficientes. Os concelleiros populares din que “a inclusión é unha obriga que se recolle en todas as normas que se aproban na actualidade, pero sobre todo é unha obriga moral, e cumprir cun mínimo insuficiente non é o máis axeitado”.