Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba aposta pola dobre dirección da rúa da Pravia e a mellora do seu abastecemento

Vilalba, 20 de maio de 2022. O PP de Vilalba deixa claro no pleno extraordinario celebrado esta mañá que a súa aposta é a dobre dirección da rúa da Pravia e a mellora do seu abastecemento. Ademais, o Grupo Municipal Popular pediu a votación por puntos, pois o Grupo Municipal Popular concorda coa realización das obras de renovación das instalacións e alumeado exterior no Carrizo, en Santaballa, e As Campelas, en Rioveso; así coma na  ampliación da rede municipal de abastecemento na parroquia de Santaballa e a renovación da Travesía da Ferrería, para as que a Xunta aportará preto de 200.000 euros.

Os populares apoian aquelas actuacións que melloren a calidade de vida dos veciños e, polo tanto, tamén concordan coa realización das obras de renovación das instalacións de abastecemento de auga da principal arteria de Vilalba. Con todo, a popular advertiu: “non conten co noso apoio para unha obra que vai en contra de todos, que costa máis de 1 millón de euros pero que non vai resolver o caos circulatorio de Vilalba”, manifestou a popular. É que, “o posicionamento do Partido Popular de Vilalba é claro con respecto á rúa da Pravia:  estamos en contra da imposición da dirección única da Rúa da Pravia, unha decisión implantada pola porta de atrás, sen consenso cos veciños e comerciantes. A nosa alternativa é que sexa de dobra dirección”, insistiu.

“Mala xestión”

A voceira popular subliña que “o pleno extraordinario urxente deste venres evidencia mala xestión, caótica organización e tamén supón un derroche de recursos públicos”. A popular explica que “o motivo do pleno extraordinario é a aprobación dunha modificación de crédito para poder gastar 662.288,08 euros por parte dun goberno en minoría que goberna a través de decretos de alcaldía e que é incapaz de elaborar un presuposto propio”.

Abandono do rural

Vázquez acusou ao goberno local socialista de abandonar o rural ao dirixir ao casco urbano o 86% da cantidade proposta e lamentou que presuman de aforrar cartos en obras coma a da carretera da Veiga, de Corbelle a Samarugo, “en agosto do 2021 e que fai pouco máis de dúas semanas tiveron que volver bachear. Unha chapuza”, remarcou.

A voceira popular convida ao goberno local a pisar as parroquias e tamén propuxo máis investimento para o arranxo das pistas do rural.

Vázquez, por outro lado, di que Vilalba Aberta fai un discurso político, basicamente en contra PSOE, pero á hora da verdade o que fai e apoialo, é dicir, saír ao seu auxilio, porque sabe perfectamente que non se están facendo as cousas ben e que hai un gran malestar na cidadanía. Claramente aí vese que cando lles interesa son socios de goberno e cando non lles interesa, non.