Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde insta ao socialista Arias a atender as queixas que presentan os veciños polas deficiencias no funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar

Castroverde, 20 de maio de 2022. O PP leva avisando ao alcalde de Castroverde, José María Arias (PSOE), de que é preciso que se poña a traballar para solventar dunha vez as múltiples deficiencias que presenta o Servizo de Axuda no Fogar. O portavoz popular, Rubén Otero, insiste agora en que cada día é máis urxente adoptar medidas, como demostra o feito de que algún particular xa ten presentado queixas formais. Otero lembra que “a xestión do SAF depende única e exclusivamente do Concello e, polo tanto, do alcalde”.

Nos últimos días, foi presentado un escrito de queixa no Concello e na Xunta, no que se poñen de manifesto as irregularidades que, segundo esta versión, se dan na atención ao usuario neste caso concreto. O popular Rubén Otero lanza unha mensaxe moi clara ao alcalde: “Señor Arias, atenda as queixas dos veciños e da oposición, póñase as pilas e resolva os problemas, porque este servizo é imprescindible para moitos dos nosos veciños e hai que prestalo como é debido”. Engade: “Señor alcalde, deixe de facer caso omiso das queixas e faga o que ten que facer para dar aos usuarios do SAF de Castroverde o servizo que merecen”.

Rubén Otero tamén indica, como fixo noutras ocasións, que o Concello debería de asumir directamente a xestión do SAF, que é o que queren tanto os usuarios como as traballadoras.

O portavoz popular indica que, segundo a información de que dispón, nunha das queixas presentadas ao Concello, indícase que o afectado non recibiu o servizo durante uns dez días; noutras ocasións, a atención non se levou a cabo segundo o establecido. Igualmente, quéixase da falta de seguimento do servizo por parte do Concello. Demandan tamén facilidades por parte da empresa para atender aos usuarios en caso de que xurdan problemas. Otero destaca tamén que hai un forte descontento entre as traballadoras do SAF, e non só por cuestións económicas.