Partido Popular de Lugo

O PP acusa a Pontón de incoherente ao presumir de medidas para aliviar a carga fiscal cando “permite a Arroxo cobrar o IBI máis caro de Galicia”

Lugo, 20 de maio de 2022.O Partido Popular afirma que “moito nos tememos que hoxe asistiremos a un novo acto propagandístico do BNG no que a voceira nacionalista venderá fume”, en alusión ao encontro público que ten convocado para esta tarde Ana Pontón en Lugo.

Os populares recriminan “que o BNG veña a poñer deberes ao goberno da Xunta cando eles, que están no goberno municipal de Lugo, e teñen capacidade para adoptar medidas concretas para alixeirar a carga fiscal aos lucenses, permite que se lles cobre o IBI máis caro das grandes capitais de Galicia tal e como desvela un informe da OCU”.

“É moi doado reclamar que traballen os outros pero resulta unha incoherencia facer esta petición na cidade de Lugo, onde o seu vicealcalde, Rubén Arroxo, permanece de brazos cruzados diante deste atropelo”.

Os populares lamentan que “Pontón e os seus non prediquen co exemplo” acusándoos “dunha dobre vara de medir xa que a voceira nacionalista di que hai que facer, e di o que hai que facer pero só dirixe esta petición ao goberno da Xunta calando diante da inacción de Rubén Arroxo que rexeitou adoptar nin unha soa medida para rebaixar o IBI aos cidadáns, autónomos e empresas de Lugo”.

Nese senso, os populares lembran como o bigoberno do que forma parte o BNG rexeitou unha proposición do Grupo Popular do concello de Lugo na que suxerían unha rebaixa do coeficiente do tipo de gravame deste imposto para igualar o que se cobraba en Lugo co resto das capitais galegas.