Vilalba, 13 de maio de 2022.A presidenta do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, lamenta que “a alcaldesa empregue as redes sociais institucionais do Concello para facer oposición á oposición”, un feito que considera “unha mostra de nerviosismo”.
Vázquez cre que “a alcaldesa confunde totalmente os actos organizados pola Xunta, os organizados polo Concello e os que organiza outra entidade”. A portavoz do Grupo Municipal Popular entende que o acto de aniversario do centro sociocomunitario contou coa participación dos representantes do propio centro e da administración da que depende, a Xunta de Galicia, “non representantes políticos”. De feito, defende que “o acto se centraba en recoñecer o traballo dos voluntarios, monitores e entidades colaboradoras e a importancia que ten para os seus 200 usuarios a súa actividade”.
A popular lembra que “teñen vido a Vilalba gobernantes doutras administracións como é o caso do presidente da Deputación de Lugo sen que o Concello convidara aos representantes dos distintos grupos municipais, pero non protestamos desta forma como fai a alcaldesa”.
Por outra banda, subliña “varios desplantes da alcaldesa, como máxima representante do Concello e dos vilalbeses, aos representantes da Xunta”. Sinala, por exemplo, que “a consellería de Sanidade convidouna ao acto de presentación do Plan de saúde local, un instrumento para estudar a forma de mellorar a asistencia no centro de saúde de Vilalba e a calidade de vida dos pacientes; pero non asistiu nin Veleiro nin ningún outro membro do goberno local. E o mesmo sucedeu cando se achegou o conselleiro a presentar o plan no propio centro de saúde de Vilalba, onde ademais traballan os seus compañeiros do ámbito sanitario. Isto si que demostra a falta de implicación do goberno municipal co benestar dos vilalbeses”.
“O mesmo sucedeu cando o delegado territorial a convidou a participar na visita para comprobar as obras de mellora da estrada de acceso ao colexio de Román para as que a Xunta aportou máis de 88.500 euros: tampouco asistiu”, engade.
Un goberno que non atende ás súas responsabilidades
Para a popular as queixas da alcaldesa demostran que “o goberno local está moito máis preocupado polo traballo que está a facer a Xunta de Galicia que por atender as súas propias responsabilidades” como é o caso da elaboración do presuposto municipal, dar explicacións aos veciños sobre o plan de mobilidade ou sobre a perda de subvencións. “Se realmente estiveran preocupados polos problemas dos veciños, daríanlles solución”.