Partido Popular de Lugo

Castiñeira: «Tomé esquece a seguridade viaria nas obras que contrata nas estradas provinciais, incluso en Monforte, concello do que é alcalde»

Lugo, 13 de maio de 2022. A Deputación ten pendente a mellora das estradas provinciais, moitas das cales están en moi mal estado. Por iso, é unha boa noticia a renovación do pavimento dunha estrada relevante dentro da rede provincial, como é a que une Monforte e Currelos  (LU-P 3202). Pero, a vista do resultado dos traballos, veciños de Monforte expuxeron as súas queixas ao PP. O portavoz dos populares na Deputación, Javier Castiñeira, e a do grupo municipal, Katy Varela, tras comprobar como queda a estrada, fanse eco das queixas veciñais e reclaman melloras nas beiravías e pasos de peóns sobreelevados. Castiñeira di: “Tomé esquece a seguridade viarias nas obras que contrata nas estradas provinciais, incluso en Monforte, concello do que é alcalde”.

Castiñeira sinala: “O delegado de Vías e Obras da Deputación de Lugo, o señor Tomé, esquécese  de investir en seguridade viaria. Así o puidemos comprobar con Katy Varela, a portavoz do grupo municipal do PP en Monforte, precisamente nunha estrada provincial, en Monforte, concretamente a LU-P 3202, dende Monforte a Currelos”.

O portavoz popular explica: “É unha obra de pavimentación que custa 230.000 euros, dos cales se investiu nas beiravías cero euros. Parécenos lamentable, especialmente nunha zona moi poboada. É aínda máis grave porque Tomé é o alcalde de Monforte e esquece aos seus veciños e da seguridade dos peóns, dos ciclistas. E peor aínda, da seguridade dos usuarios da residencia de Prodeme e do mercado gandeiro. É un feito grave: esta obra non queda ben rematada”.

Castiñeira declara: “Os veciños queren pasos de peóns sobreelevados, co  fin de forzar a redución de velocidade dos coches que circulan por esta vías. É un claro feito máis da falta de xestión do señor Tomé, e neste caso dobremente, como delegado de Vías e Obras, ao que dedica moi pouco tempo, e como alcalde, ao non ter mirado pola seguridade dos seis veciños en Monforte”. Polo seu lado, a portavoz popular en Monforte, Katy Varela, pon de manifesto que o firme da estrada, unha vez renovado, queda máis alto que a beiravía. Varela considera que, por este motivo, o resultado final é “unha chapuza”. Fíxose eco das queixas veciñais, polo risco que supón para os peóns, pero tamén polo que pode entrañar para o tráfico rodado.