Castroverde, 12 de maio de 2022 Hai servizos que resultan imprescindibles en municipios nos que, como ocorre en Castroverde, se dá un considerable envellecemento da poboación. A residencia da terceira idade, en funcionamento, é moi necesaria. Pero tamén é fundamental que entre en servizo o centro de día, na residencia, e, segundo sinala o portavoz municipal do PP, Rubén Otero, non acaba de funcionar. Anuncia a presentación dunha iniciativa na próxima sesión plenaria para que o alcalde, o socialista José María Arias, aclare cales son as causas de que o centro de día de Castroverde siga sen estar operativo e que pensa facer, se é que pensa facer algo, para que abra as súas portas á maior brevidade posible.
Rubén Otero sinala: “É inexplicable a actitude de pasotismo que mantén o alcalde Arias no caso do centro de día. Teño o convencemento de que non ten interese en que empece a funcionar por unha cuestión puramente económica, para evitar que o Concello teña que dedicar cartos propios a este servizo”.
Otero tamén di: “En todos os núcleos polos que paso, e paso por moitos todos os días, os veciños preguntan para cando está previsto que empece a funcionar o centro de día. É unha vergoña esta situación, e o responsable é o goberno local, sinaladamente o alcalde, José María Arias”.
Os populares din que esperan que o alcalde fale claro no próximo pleno e, en resposta a iniciativa que presentarán, aclare aos veciños por que non funciona aínda o centro de día.