Partido Popular de Lugo

Vázquez: “A perda dunha subvención de 43.800 euros da Deputación para mellorar a praza da rúa da Emigración demostra a total incapacidade de xestión do goberno vilalbés”

Vilalba, 11 de maio de 2022.A portavoz do Grupo Municipal Popular de Vilalba, Sandra Vázquez, advirte novamente da “total incapacidade de xestión do goberno municipal socialista” ao perder unha subvención da Deputación de máis de 43.800 euros para o acondicionamento da praciña situada na esquina entre a rúa da Emigración e a rúa Luis González Valdesuso.

Vázquez explica que “xa advertiramos de que a xunta de goberno provincial acordara no seu día iniciar o procedemento de perda do dereito á axuda. O goberno local tiña un prazo para xustificar o investimento e evitar esta perda; pero non respondeu aos requirimentos da Deputación”.

O Grupo Municipal Popular preguntou no pleno de comezos do mes de abril pola situación na que se atopaba esta subvención, pero “as explicacións da alcaldesa foron pouco nítidas. Agora, coñecemos que vén de formalizarse a perda desa subvención por parte do Concello de Vilalba, segundo consta na acta da xunta de goberno da Deputación do venres 29 de abril”.

A popular sinala que “o Concello, cos cartos de tódolos vilalbeses, terá que facer fronte a ese investimento” ante “a total ineficacia deste goberno socialista na xestión económica”. Lamenta, neste sentido, que “non sexan capaces de xestionar o diñeiro do propio Concello, onde non son capaces de presentar uns presupostos municipais e se limitan a gobernar prorrogando os últimos aprobados polo goberno do PP; pero, ademais, que tampouco sexan capaces de xestionar as subvencións concedidas por un goberno da mesma cor política, como é o da Deputación”.

Vázquez considera que “os vilalbeses merecen un goberno local que xestione atinadamente os seus intereses, fronte a este que perde ata as subvencións concedidas polas Administracións amigas”.

Plan de mobilidade

Ante as declaracións do goberno socialista sobre o plan de mobilidade, a voceira popular de Vilalba lembra que “foi o goberno local o que o nomeou en numerosas ocasións para amparar as súas decisións unilaterais en materia de mobilidade como é o caso da implantación da dirección única na rúa da Pravia. E, despois da súa presentación, agora din que non o van implantar”. Nese caso, “non se entende que gasten preto de 17.000 euros en facer un estudo”.

Vázquez advirte de que “o goberno socialista recúa despois de que o Grupo Municipal Popular descubrira algunhas das medidas recollidas no informe que eles non explicaron durante a presentación do plan de mobilidade”.