Partido Popular de Lugo

O goberno local admite que concedeu 15.000 euros de subvención á asociación que organizou o Viveiro Fest, que non é do municipio, e cedeu o campo de fútbol de Celeiro

Viveiro, 6 de maio de 2022. O grupo municipal do PP deu a coñecer as explicacións ofrecidas polo goberno local, presidido por María Loureiro, en relación coa máis recente edición do Viveiro Fest. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, sinala que, segundo a información que lles foi facilitada, o Concello aportou unha subvención de 15.000 euros a asociación organizadora do evento, que non é do municipio. Igualmente, o Concello cedeu o uso do campo de fútbol de Celeiro.

Rodríguez di que o seu grupo está a favor do desenvolvemento de iniciativas que promocionen o municipio e que potencialmente poidan atraer visitantes. Neste caso, destaca o importe da axuda concedida e lembra que para acceder ao festival foi necesario pagar entrada.

Os populares din que o goberno local debe explicar que criterios sigue para fixar o importe das subvencións que concede, así como se é habitual que subvencione iniciativas que xeran recadación polo despacho de entradas.

Os concelleiros do PP tamén se interesaron por coñecer quen correrá cos gastos xerados pola reparación dos desperfectos no campo, vistos despois da celebración do festival