Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba acusa ao goberno local de “ocultar os detalles do plan de mobilidade urbana”

Vilalba, 5 de maio de 2022. O Partido Popular de Vilalba acusa ao goberno local de “ocultar as medidas que recolle o estudo de mobilidade presentado polo equipo de goberno socialista como, por exemplo, a dirección única para as rúas da Pravia, da Ferrería, Domingo Goás e Chao Ledo, que se atopa en obras na actualidade. Tamén esqueceron explicar cómo pretenden implantar o plan”.

Así o sinalou a voceira do Grupo Municipal Popular e presidenta do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada de membros do Grupo Municipal e do comité executivo do PP local na que esixiu “claridade e transparencia” e rexeitou que o goberno do PSOE “impoña os seus caprichos” en materia de tráfico “pola porta de atrás, sen consenso cos veciños nin a aprobación do pleno e sen ofrecer alternativas viables ás restricións ao tráfico de vehículos”.

Vázquez considera que o goberno socialista “esquece unha e outra vez que Vilalba vive dos veciños das 29 parroquias -e tamén de municipios próximos- que se trasladan á vila para facer as súas xestións comerciais; e, polo tanto, hai que ofrecer alternativas para a circulación de vehículos e tamén zonas de aparcamento”. Lembrou, neste sentido, que “os comercios, e non só os da rúa da Pravia, rexistran perdas do 30% ou incluso máis”.

Os populares concordan coa idea de “facer máis eficientes os desprazamentos de vehículos”, pero lamentan que o goberno socialista adopte decisións de forma unilateral coma a implantación da dirección única na rúa da Pravia “da noite para a mañá” xerando “caos circulatorio, descoordinación polo descoñecemento e a sinalización enganosa e convertendo Vilalba nun pobo fantasma porque unha das principais rúas perde actividade”.

A este respecto, Vázquez deixou claro que “o PP aposta pola dobre dirección na rúa da Pravia para evitar que o noso pobo morra día tras día. A nosa posición é clara: queremos diálogo, transparencia e alternativas”.

A popular nomeou tamén o pintado da zona azul na rúa da Pravia, Plácido Peña, Campo de Puente e Chao Ledo e no párking subterráneo da praza da Constitución que “o goberno local fixo sen explicar como se levaría a cabo; e, polo tanto, xerando incerteza entre os veciños e visitantes que non saben onde se paga. Puxeron o carro antes dos bois”.

O PSOE xera problemas en lugar de dar solucións

A popular indica que “o goberno local só presentou un estudo previo recolle datos de dous días que non son representativos do tráfico de Vilalba, por exemplo, nos días de feira ou durante o verán; e que foron antes da establecer dirección única nunha das principais arterias de Vilalba”. Sobre a falta de transparencia do goberno do PSOE, Vázquez incidiu en que “só presentou o estudo de mobilidade despois de que o PP reivindicara en numerosas e constantes ocasións coñecer o contido do documento”.

A voceira e presidenta do PP recórdalle ao goberno local que está en minoría e pregunta cal é a posición de Vilalba Aberta sobre este asunto tendo en conta que “sempre sae na axuda do equipo de goberno para evitar que caia no abismo”.

“As administracións deben estar para solucionar problemas; pero este goberno está a xeralos. Está a adoptar medidas unilateralmente nun asunto crucial para a vida estratéxica do noso pobo sen que sexan aprobadas polo pleno”, conclúe.