Partido Popular de Lugo

Javier Castiñeira: “A política laboral e de emerxencias que desenvolve Tomé é un espectáculo demagóxico e cheo de hipocrisía”

Lugo, 4 de maio de 2022.  A política de persoal e emerxencias que desenvolve o goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, entra de cheo no terreo da demagoxia. Así o sinala o portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, que di: “Asistimos perplexos ao espectáculo demagóxico do presidente Tomé respecto á situación das emerxencias na provincia”. Ao fío da reunión de Tomé cos presidentes socialistas das deputacións de A Coruña e Pontevedra, Castiñeira ve “un Tomé contraditorio, que pide que o cadro de persoal de bombeiros do Consorcio, do que el é presidente, pase  a ser 100% da Administración, mentres que ten a máis de 20 traballadores da antiga Suplusa subrogados en Tragsa, cun acordo, un proceso, que os propios traballadores teñen no xulgado”.

O portavoz popular indica: “O señor Tomé xa non engana máis que así mesmo. A súa política laboral é a política do amiguismo. É o presidente que cualificou despectivamente o teletraballo no covid como televacacións; é o presidente das subvencións á carta ao sindicato que dirixe o seu irmán; o presidente que dirixe o Consorcio de Bombeiros que sigue perdendo sentenzas por denuncias dos mesmos bombeiros que agora pretende adular; é o presidente que fala das emerxencias pero que non quixo ampliar e mellorar as condicións dos GES da provincia, como lle ofreceu a Xunta de Galicia a finais do ano pasado. É cómplice de que alcaldes socialistas renunciaran ao grupo de emerxencias supramunicipal, como Fonsagrada e Guitiriz”.

Castiñeira indica a Tomé: “Deixe de usar a Deputación como arma de enfrontamento contra a Xunta de Galicia; se quere dar leccións que sexa co exemplo propio e non con noticias cheas de hipocrisía e pouca autocrítica”.