Partido Popular de Lugo

Javier Castiñeira: “Pedimos a Cajoto altura de miras e que valore a importancia de que Altri se asente na provincia, aínda que non sexa en A Mariña, como queriamos”

Foz, 29 de abril de 2022. O PP de Foz defendeu a opción de A Mariña como ubicación da fábrica de Altri, como lembra o portavoz popular, Javier Castiñeira. Finalmente, instalarase en Palas, no que, destaca Castiñeira, é unha decisión empresarial e non política. No PP de Foz lamentan que a elección para implantar esta industria non fora A Mariña, pero recoñecen a importancia que ten para a provincia e para Galicia. Castiñeira pide altura de miras ao alcalde de Foz, Fran Cajoto, e que deixe de facer teatro para ocultar a súa falta de xestión. Os populares cren que Cajoto intenta un lavado de cara, para tratar de que se esqueza a súa inacción e incapacidade para esixir ao Goberno central un estatuto electrointensivo como o que precisa a industria como Alcoa, que esa si é unha decisión política.

Castiñeira sinala: “Dende o Partido Popular de Foz lamentamos que o único recurso político que ten o alcalde sexa o teatro. Así llo fixemos ver no pleno de onte. Un teatro que non serve absolutamente para nada. Leva tres anos sen facer obras nin xestións importantes para o noso concello. Un teatro que tamén intenta facer como presidente da mancomunidade. O claro exemplo é o asunto de Altri, no que o alcalde de Foz está absolutamente só; nin os seus compañeiros socialistas da provincia, nin galegos, son capaces de darlle a razón”.

O portavoz popular sostén: “Un teatro que só é pateadura política, porque o señor Cajoto sabe perfectamente que isto é unha decisión empresarial, non política. O PP de Foz apoiou sempre a preferencia de A Mariña como ubicación desta fábrica de fibras téxtiles, sempre e cando se deran as condicións que esixía a empresa, que é que ten que defender o negocio durante todos estes anos. Lamentamos que a decisión final fora non ubicala en A Mariña, pero tamén  recoñecemos que é importante para os produtores madeireiros que poñen en valor o produto mariñán; é importante para  os transportistas e, en definitiva, con altura de miras, é importante para a provincia e para Galicia”.

Castiñeira explica: “É un proxecto de país. Non podemos quedarnos no localismo barato do señor Cajoto, que é un despropósito que nos está xerando moi mala imaxe non só en Foz senón en toda a provincia”. Expón está recomendación ao alcalde: “Señor Cajoto, déixese de teatro, póñase a traballar, faga algo polo pobo, porque lle queda un ano e non fixo absolutamente nada; e respecte institucionalmente á provincia. Déixese de pateaduras e súmese a todos os galegos que estamos satisfeitos porque unha fábrica deste tipo se ubique en Galicia e sirva para intentar paliar esa crise industrial provocada fundamental pola crise enerxética e agravada polas políticas do Goberno central”.