Partido Popular de Lugo

O PP pon en valor a convocatoria de tres prazas de médico de Atención Primaria para Viveiro e di que o municipio comproba que “unha vez máis queda de manifesto o compromiso da Xunta”

Viveiro, 28 de abril de 2022. O grupo municipal do PP de Viveiro pon en valor á decisión da Consellería de Sanidade de convocar tres prazas de médicos nesta cidade e sostén, por boca do seu portavoz, Óscar Rodríguez, que “unha vez máis se pon claramente de manifesto o compromiso, xa sobradamente demostrado, da Xunta coa sanidade pública”.

O Sergas convocou unha oferta pública de emprego con 106 prazas de médico de Atención Primaria en Galicia, 15 delas na provincia de Lugo, e, entre elas, tres para Viveiro. Óscar Rodríguez lembra que “o PP presentou unha moción no pasado pleno municipal, que foi aprobada, para solicitar esas prazas”. Engade: “O Sergas xa estaba traballando na OPE e agora vemos como se tivo en conta a Viveiro, pese ao desinterese manifestado por socialistas e nacionalistas que preferiron absterse na votación da nosa proposta. A incapacidade da alcaldesa, María Loureiro (PSOE), para comprometerse na defensa dos intereses da súa cidade púxose novamente en evidencia”.

Os populares din que “é o resultado da maneira de entender a xestión dos asuntos públicos que ten o PP, en todas as administracións públicas; unha vez máis queda acreditado que a xunta continúa a traballar con eficacia pola sanidade de todos”.

A forma de selección de persoal foi elixida en consonancia coa necesidade de paliar as carencias en canto a recursos humanos, para seguir ofrecendo unha sanidade pública de alta calidade como é a galega. Nesta ocasión  é un concurso de méritos. A creación desta nova categoría profesional no Sergas foi formulada pola Xunta a través dunha Lei no Parlamento de Galicia atopándose co rexeitamento dos grupos de esquerda (PSdeG e BNG). Durante a tramitación da lei, o Grupo Popular introduciu unha emenda para facer aínda máis atractiva esta categoría e lograr que os residentes que rematen este ano a súa formación en medicina de familia opten por acollerse a ela e cubrir esas prazas: as prazas desta categoría adxudicaranse en propiedade mediante concurso de méritos, sen necesidade de exame de concurso-oposición.

En consecuencia, o profesional que acepte cubrir algunha destas prazas e asuma o compromiso de quedarse nela durante a lo menos dous anos ten garantida praza en propiedade para sempre no Servizo Galego de Saúde.

Polo tanto, fronte ás frecuentes críticas da oposición á Xunta sobre ‘precariedade’ na contratación de persoal sanitario, esta convocatoria ofrece unha praza fixa en propiedade mediante un concurso de méritos a persoas que acaban de rematar a súa residencia. Sen embargo, no Pleno da Cámara, os grupos parlamentarios de PSdeG e BNG votaron en contra de incorporar esta emenda do Grupo Popular e votaron en contra da Lei que crea a categoría.